O Consello Nacional do BNG acordou publicar na web do BNG o resultado económico (ingresos e gastos) das pasadas eleccións ao Parlamento europeo.
A posta en marcha dunha campaña electoral na que o BNG renunciou a numerosos soportes publicitarios e de márketing, só foi posíbel grazas ao extraordinario traballo, ao meritorio esforzo e compromiso político da nosa militancia.
Podemos afirmar con orgullo que non coñecemos organización política que fixera unha campaña destas características, nin no seu formato, nin na fonte de ingresos -militantes e simpatizantes-, nin na renuncia a gastos nos que incorreron a maioría de formacións -créditos, correo masivo, profisionalización da comunicación en redes sociais, etc- que se presentaron.
Cremos, finalmente, que dadas as circunstancias, e mesmo os ataques e silenciamento que tivo que aturar o BNG, consideramos que esta foi unha campaña moi digna, e posíbel -reiterámolo- grazas ao esforzo colectivo desta organización chamada Bloque Nacionalista Galego.
INGRESOS | Importe |
Cota extraordinaria entre a militancia | 132.000,00 |
TOTAL* | 132.000,00 |
GASTOS (21% IVE incluído) | Importe |
Lonas de fondo para actos centrais (17 actos públicos) | 605,00 |
Imáns para vehículos de megafonía con logotipo BNG | 1.447,16 |
Bandeirolas | 13.673,00 |
PVC's para os paus da luz | 23.304,60 |
Bridas para material | 2.299,00 |
Banners en xornais electrónicos e inserimento no "Sermos Galiza" (papel) | 3.547,72 |
Cuñas radiofónicas | 17.854,40 |
Elaboración de vídeo electoral para espazos gratuítos | 4.908,67 |
Produción (montaxe, son, iluminación, etc.) dos 17 actos centrais | 34.184,94 |
Edición e impresión de sobres, papeletas e dípticos | 33.880,00 |
Cartaces (3 modelos en diversos tamaños) | 18.150,00 |
Pés co lema para actos | 1.038,18 |
Faixas | 3.000,00 |
Web electoral | 34,95 |
Alugueiro vehículo | 522,72 |
Varios | 3.630,00 |
TOTAL* | 162.080,34 |
* A diferenza entre ingresos e gastos (-30.080,34 ) será recuperada tendo en conta o subsidio electoral pola obtención de representación no Parlamento europeo.
* A relación de gastos e ingresos é nacional. Ten a ver, daquela, co material e servizos contratados a nivel nacional. Non están contemplados outros gastos, en calquera caso menores, realizados por algunhas comarcas e localidades.
Entre as actuacións que provocaron un aforro significativo nesta campaña, destacamos as seguintes:
- Non se asinou ningún crédito con ningunha entidade bancaria ou financeira.
- Non se enviou correo masivo (mailing). Esta decisión supuxo un aforro superior ao conxunto total de gastos orixinados nesta campaña. Foi a organización e a implicación de militantes e simpatizantes, co ensobrado e reparto man a man de 1.000.000 de sobres e papeletas e de 650.000 dípticos, quen fixo posíbel a articulación dunha alternativa que se demostrou máis eficaz no contacto social.
- Non se contrataron inserimentos publicitarios na imprensa escrita, agás no semanario Sermos Galiza.
- Non se contrataron condutores para desprazar persoas que interviñan en actos por toda a nación. De feito, no caso da primeira candidata, que precisaba deste servizo, este traballo foi realizado desinteresadamente, só por compromiso político, por un compañeiro do BNG.
- Non se lle pagaron dietas ou desprazamentos ás persoas que interviron nos actos públicos, nin na Galiza, nin aos que se acudiu en Euskal Herria e Catalunya. Tampouco nas viaxes previas realizadas a eses dous países para negociar a coalición electoral con EH Bildu.
- Suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería. Compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela e á Coruña para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade.
- Non se contratou ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas (PVC's), pontes ou rúas (faixas). Foron directamente militantes do BNG.
- Non se procedeu ao alugueiro de vehículos destinados a megafonía. Foron substituídos por vehículos particulares de militantes aos que se lles adheriron imáns co logotipo do BNG.
- Aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas (PVC's, faixas, autocolantes de interventor@s e apoderad@s, etc.) das diferentes comarcas, reutilizándoo.
- Non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. O que se fixo neste ámbito cabe vinculalo en exclusiva á capacidade de iniciativa e imaxinación das nosas compañeiras e compañeiros.