Galiza precisa máis ca nunca unha forza política propia que presente unha estratexia centrada nos problemas dos galegos e das galegas como obxectivo prioritario, estratexia que non nos vai dar ningún gabinete da Universidade Complutense.
O portavoz nacional, Xavier Vence, subliñaba así a aposta do BNG por conformar unha alternativa forte arredor dun proxecto nacionalista e transformador como alternativa aos gobernos corruptos e centralistas do PP.
Neste sentido, Vence puxo en valor o proceso de asembleas abertas posto en marcha polo Bloque por todo o país, para ampliar a base social do nacionalismo e sumar a todas as persoas e colectivos que queiran participar na elaboración do programa e das candidaturas aos comicios locais cunha perspectiva de país, unha apertura a toda a cidadanía que se explicita baixo a fórmula de BNG-Asambleas Abertas.
Os problemas de Galiza só poden resolverse cunha alternativa política que teña os pés na terra e o corazón neste país, recalcou Vence.
Igualmente a preguntas dos medios de comunicación, o dirixente nacionalista reclamou ao PP e ao PSOE que se teñen vontade real de acabar coa corrupción poñan fora de circulación política aos corruptos forzando a dimisión dos imputados por casos de corrupción e, sobre todo, que adopten medidas que acaben coas fontes de corrupción como é a privatización de servizos públicos e esa maneira de contratar con nocturnidade e sen transparencia nin publicidade como fai a Xunta.
O resto e simplemente facer que se fai, unha simple actuación cara a galería, concluíu.