O Goberno non impulsará novas medidas contra a avéspora asiática

A deputada do BNG, Tereixa Paz reclamou un plan de actuación ante a proliferacións de niños da avéspora asiática en moitos lugares do territorio galego

Intervención de Tereixa Paz

A deputada do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe na Comisión de Agricultura a través dunha pregunta parlamentaria, “un plan de actuación urxente” ante a proliferación de niños de avéspora asiática en moitos lugares do territorio galego.

A parlamentaria explicou que dende fai tres anos coa aparición en Galiza da avéspora asiática existe unha nova ameaza para as abellas e para a apicultura coa proliferación desta especie que ataca ás abellas provocándolles a morte e tamén ás colmeas impedindo a actividade normal das abellas.

Ademais da afectación ás colmeas, dixo, este fenómeno está a provocar unha grande alarma social, xa que malia que se teñen anunciado xa no ano pasado medidas por parte do Goberno Galego para o seu control, a súa presenza non só non se reduciu senón que cada vez se detecta a súa presenza de forma máis masiva e en zonas máis amplas do noso territorio.

A deputada admitiu as dificultades para a erradicación do insecto máis considerou que “existen medidas para mitigar ou evitar a súa propagación".

Para a nacionalista, "as medidas postas en marcha polo Goberno Galego son a todas luces insuficientes, non hai máis que mirar os datos oficiais para constatar que non só non se reduciu a súa presenza senón que aumentou" e denunciou que a pesar da contundencia dos datos, o Goberno Galego non manifestou o máis mínimo aceno de modificar a súa posición nin os plans de actuación.

A nacionalista insistiu na necesidade de manter os mecanismos de control que se coñecen e insistiu na necesidade de avanzar na investigación e sobre todo analizar os medios que se teñen impulsado noutros lugares que están a producir mellores resultados na redución e presenza ou da implantación desta praga invasora.

"Que desgraza a deste país, que ademais de ter que facer fronte á praga da avéspora ten que aturar a praga dun goberno que funciona a piñón fixo e incapaz de desviarse do camiño da propaganda" dixo a deputada.

Finalmente, Tereixa Paz lamentou a falta de disposición do Goberno para impulsar novas medidas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG