O 9N deixa para o BNG a constatación de que a reformulación institucional e territorial do Estado español é imparable e que, ante esa evidencia, Galiza precisa unha estratexia de país para defender os seus intereses como nación e non quedar relegada ao papel de simple espectadora.
O portavoz nacional, Xavier Vence, considera urxente contar cunha posición común maioritaria que defenda Galiza das forzas económicas e políticas centralistas e reaccionarias que hoxe gobernan no Estado español e, neste sentido, pide a Feijóo que exerza de presidente dos galegos e galegas.
Non pode limitarse a ser ariete dos intereses do PP e do Goberno central contra Catalunya, denunciou, tería que ter unha estratexia propia de país que nos permita participar activamente nesa redefinición do mapa institucional e territorial do Estado español, no que Galiza ten que reclamar o recoñecemento pleno do seu carácter nacional, para acadar autogoberno suficiente para decidir as políticas que garantan o noso futuro.
Vence fuxiu de mimetismos ao asegurar que os intereses de Galiza son moi diferentes dos de Catalunya ou Madrid e, polo tanto, precisa un proxecto e unha estratexia propias para defender os seus intereses neste debate territorial e institucional aberto no Estado español. O portavoz nacional aposta por mudar a correlación de forzas para que ao fronte do país haxa organizacións políticas que representen os intereses deste galegos por riba por todo. É a maneira de garantir que Galiza se manteña en primeira liña como nación, enfatizou.
En relación ao 9N, o dirixente nacionalista puxo en valor a alta participación, pese a todos os atrancos, con dous millóns de persoas que aspirar a converter Catalunya nunha nación. O Goberno central non pode seguir facendo ouvidos xordos a demanda dunha inmensa parte da cidadanía catalá e dos seus representantes políticos, concluíu.