Chema Ferreiro é exemplo de honradez e de compromiso co país cunha vida ao servizo da cidadanía tanto no profesional como no político. Así definía o portavoz nacional, Xavier Vence, ao cabeza de lista da candidatura BNG-Asembleas Abertas no Carballiño para as eleccións municipais de maio, unha candidatura que combinará experiencia e renovación.
Vence salientou o traballo a favor do Carballiño realizado por Ferreiro tanto na súa etapa no Concello como no Goberno da Xunta, en particular cos servizos sociais avanzados e de carácter público, como a residencia da terceira idade, para que non haxa empresas que podan facer negocio a costa da saúde dos maiores en referencia a intención de privatización do goberno local do PP.
O dirixente nacionalista amosou o seu convencemento de que Ferreiro obterá a confianza da maioría dos veciños e veciñas para gobernar O Carballiño, porque ten ideas, ten capacidade de traballo, ten vocación de servizo público e contará cunha equipa de xente nova que o acompañará na candidatura, alegou.
Aposta polos servizos públicos de proximidade desde o Concello prestados con eficacia, dinamización do tecido económico local, empezando polo comercio e favorecendo a instalación de empresas, servizos sociais para atender as persoas con maior dificultades e participación directa de todos os sectores e colectivos, centran os obxectivos da candidatura BNG-Asembleas Abertas.
Queremos que O Carballiño sexa un concello ao servizo da cidadanía, que serva de ferramenta para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas, como fai o BNG nos municipios onde goberna, concluíu Vence.
Reto ambicioso
Pola súa parte, Ferreiro asegurou que se fixa o reto ambicioso de ter responsabilidades de goberno, e que aceptou ese reto porque hai un grupo de xente moi cualificada comigo, nunha candidatura que na miña persoa representa experiencia, é o digo desde a modestia, pero tamén a renovación de xente nova.
A defensa dos máis necesitados con propostas para todo o Concello, incluídas as parroquias do ámbito rural hoxe abandonadas, entre os obxectivos de Ferreiro, quen aproveitou a presentación para salientar algunhas das súas propostas para O Carballiño.
Promover o ámbito turístico-termal, posta en valor do matadoiro, apertura da ampliación da residencia da terceira idade garantindo o seu carácter público fronte ás pretensións privatizadoras do goberno local do PP, solucionar o endémico problema do chabolismo por cuestións sociais e hixiénicas máxime cando xa están os terreos adquiridos, investimento para unha residencia de tempo libre e, de paso, conservar un dos edificios máis singulares da vila, enumerou.
Somos optimistas, hai solucións e queremos trasladalo á cidadanía, queremos que todos e todas se sintan representados nesta candidatura e escoitaremos as propostas que teñan que facernos desde todos os colectivos, do centro urbano e das parroquias, insistiu. O Carballiño non pode permitirse perder outros catro anos, concluíu.
O acto contou coa presenza de Sofía García e de Manuel Amil, encargado de facer a presentación do candidato, a quen definiu como unha persoa honesta e de experiencia fenomenal, glosando as aportacións que xa ten feito ao Carballiño desde as súas diferentes responsabilidades políticas.