Unha representación do BNG, encabezada polo secretario de Relación Internacionais, Nestor Rego, con Bieito Lobeira e Rafa Villar, mantivo unha reunión con Yamir Kasem, membro do comité central da Fronte Democrática de Liberación de Palestina (FDLP) e coordinador no Estado español da Coalición europea de apoio aos presos palestinos.
O encontro encádrase na normalidade de relacións entre organizacións que comparten o principio de solidariedade entre os pobos e contra o imperialismo, no que o BNG expresoulle ao representante da FPLP, como xa ten feito con outras organizacións do movemento de liberación palestino, a solidariedade e fraternidade da formación nacionalista coa súa loita e aspiracións para vivir en paz no seu territorio.
Neste sentido, o Bloque presentou no Congreso dos deputados unha proposición non de lei (PNL) o pasado 16 de outubro, conxuntamente con Amaiur, ERC e Izquierda Plural, para demandar o recoñecemento do Estado palestino por parte do estado español. E, igualmente, apoiou a proposta presentada polo PSOE na Cámara baixa, tras ser obxecto de transacción con todos os grupos parlamentarios que presentaron a PNL anterior, no mesmo sentido de apoiar o recoñecemento do Estado palestino.
Igualmente, o BNG ten presentado iniciativas no Parlamento galego e, ademais das propostas a nivel institucional, ten promovido mobilizacións cidadás en solidariedade co pobo palestino e en contra dos masacres cometidos polo Goberno israelí nos últimos meses, expresando o seu apoio á causa palestina.
Este encontro precede á celebración dun acto público entre o BNG e o representante da FDLP na Biblioteca Anxel Casal ás 20:00 horas, co obxectivo de difundir a situación dos presos palestinos e informar e valorar o estado actual do conflito palestino-israelí