O director da CRTVG defende á docente acusada de fomentar “contidos sexistas” nun curso do ente

A deputada do BNG, Montse Prado reprobou a elección da docente que utiliza na súa web “estereotipos” que degradan a muller e lamentou que o director xeral da CRTVG defendera a presenza de Teresa Baró no curso de formación para profesionais da comunicación

A deputada do BNG, Montse Prado en comisión

A deputada nacionalista preguntou, a través dunha iniciativa parlamentaria, se é adecuado o “fomento do sexismo” nun curso impartido pola CRTVG de formación baixo o titulo “Linguaxe non verbal para comunicadores” destinado a profesionais do ente.

Na súa intervención, Montse Prado explicou que a docente Teresa Baró publicou na súa páxina web expresións sexistas “censurábeis” e contrarias aos principios que deben rexer nos medios de comunicación pública.

É máis que evidente, dixo, que “as habilidades de comunicación” que recomenda a profesional, a tenor do publicado na súa páxina web, non facilitan a promoción activa da igualdade entre homes e mulleres e máis ben, contribúen a todo o contrario.

A deputada preguntou ao director Xeral da CRTVG se é adecuado o fomento do sexismo nun curso de formación para profesionais da comunicación e pola decisión da dirección do ente público ante a petición de retirar á devandita docente do curso “Linguaxe non verbal para comunicadores”.

Pronunciar as nádegas , sacar o peito e utilizar outros atractivos femininos acompañados de tentación, son algunhas das expresión recollidas na páxina web da docente, expresións dixo a nacionalista, que fomentan o machismo e a “linguaxe sexista”

Pola súa parte, Sánchez Izquierdo asegurou que Teresa Baró é unha grande profesional da comunicación non verbal e cun extenso currículo que avala a súa profesionalidade.

A deputada lamentou as explicacións do director xeral e lembrou que “grandes fascistas e criminais en serie” tamén contaban con un excelente currículo e recoñecido prestixio.

Nun medio de titularidade pública, non podemos tolerar que, despois de pedir o cese dunha docente que transmite contidos sexistas, a dirección da CRTVG sega xustificando a súa contratación nun curso de formación, sentenciou.

Unha vez detectado o proceder da docente, engadiu, a dirección do ente público tiña que rectificar e non xustificar a presenza de Baró no curso.

Se en troques de transmitir contidos sexistas fosen de tipo racista ou relixiosos, estou convencida que a dirección da CRTVG houbera tomado medidas sen dilación, concluíu a deputada do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG