A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que pide ao Goberno que restitúa na súa integridade a Onda Corta de REE e abandone propostas que son meros parches.
Davila alude á proposta de RTVE que plantexa unha emisión de Onda Corta de 4 horas diarias de luns a venres, mediante unha difusión que non chegaría a todas as zonas como sucedía até agora. A proposta de RTVE suporá que unha parte das flotas pesqueiras non poderá oír as emisións de Onda Corta pola falla de cobertura xeográfica, mentras que outra partes das flotas non poderá acceder a estas emisións pola lonxitude e os fusos horarios nos que se propón emitir.
Esta é a segunda ocasión na que a deputada do BNG presenta unha iniciativa parlamentar sobre este tema desde que RTVE anunciara no pasado mes de outubro o peche da emisión de Onda Corta de Radio Exterior de España, o que provocou un grande malestar entre os colectivos de afectados como os mariñeiros, cooperantes ou militares que teñen que desenvolver as súas actividades fóra ou en situacións de moita complexidade.
É importante garantirlles o dereito á información
Grazas á movilización dos afectados, como os mariñeiros, a corporación de RTVE viuse obrigada a reaccionar aínda que oferece unha posibilidade nada satisfactoria e que supón parchear a realidade. A proposta contempla emisións de 20 a 00 horas de luns a venres pero con rebaixas tecnolóxicas, xa que dos seis transmisores cos que habitualmente emitía Radio Exterior non se van utilizar, o que acortará o seu ámbito de acción xeográfica e impedirá que as difusións cheguen a moitos barcos que traballan en partes de difícil acceso no mundo.
A deputada do BNG comparte coa Plataforma en Defensa da Onda Corta que se trata dunha proposta insuficiente e que non garante o dereito á información a todo o universo de afectados. Para Davila sería desexábel que RTVE amosase un pouco de sensibilidade para con colectivos como os traballadores do mar que desenvolven as súas actividades en condicións duras, lonxe dos seus domicilios e das súas familias. Por iso, é importante que manteñan un fío de comunicación e de información porque alivia o problema da distanza.
Debe terse en conta que nos barcos instalar internet é carísimo, por iso é tan importante garantir as emisións de Onda Corta.
Olaia Fernández Davila sinala que o Goberno creou un problema absurdo, incomprensíbel e inintelixíbel porque os recurtes non poden chegar até estos extremos, saltándose incluso cuestións de grande sensibilidade social e humana. Pedimos ao Goberno que manteña a Onda Corta en emisión completa, sen que se perdan programas mois seguidos polos mariñeiros como Españoles en la mar.
Razón pola que a deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas ao Goberno a fin de que dea marcha atrás na súa decisión.