A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pide á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que realice xestións ante a UE para presionar coas negociacións sobre a necesaria renovación do Acordo de Pesca UE-Cabo Verde.
A parlamentar do BNG apremia á Ministra sobre este tema de grande importanza para a frota pesqueira debido ás cada vez máis limitadas posibilidades de pesca, e porque o Acordo Pesqueiro expira xa o 31 de agosto.
Davila quer saber en que estado se atopan as negociacións entre a UE e Cabo Verde, que información posúe o Goberno e que expectativas existen para a renovación do Convenio Pesqueiro.
Critica a deputada do BNG a falla de información que está a levar a inquedanza ao sector pesqueiro que faena en augas de Cabo Verde como son os 26 barcos galegos da frota de palangre de superficie. O feito de que non detecten ningún movemento nin negociacións entre a UE e o pais africano é motivo de preocupación entre os mariñeiros.
O Convenio expira o 31 de agosto e a frota non ten información
A deputada do BNG sinala que a estas alturas do mes de agosto, descoñecer se a nosa frota que faena alí vai poder pescar de novo en Cabo Verde a partir de setembro é preocupante posto que as empresas pesqueiras vense obstaculizadas para programar e planificar a súa próxima actividade.
Pón de manifesto que o porto de Mindelo en Cabo Verde é unha destacada base para os barcos que se adican á pesca de peixe espada e quenlla, lugar onde descargan as capturas e teñen a loxística. Salienta Davila que ao albur do Convenio de Pesca con Cabo Verde, traballan 66 buques da UE, dos cais 49 son do estado español, e hai 26 palangreiros de superficie galegos. Sen esquecer que nas tripulacións de barcos atuneiros e cerqueiros hai mariñeiros galegos.
Olaia Fernández Davila subliña que un dos puntos de discordia entre a UE e Cabo Verde é o feito de que o pais africano quer limitar as posibilidades de pesca de quenlla a un máximo de 2.000 toneladas, a pesar dos informes científicos do Iccat, o órgao internacional que xestiona as pesquerías e que regula as dúas especies que alí se capturan: quenlla e marraxo.
A deputada do BNG pide xestións á Ministra ante a UE porque este acordo de pesca é vital para os palangreiros galegos.