A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei e preguntas por escrito dirixidas ao Goberno para demandarlle que rebaixe o IVE aplicado á floricultura, á silvicultura e ás plantas ornamentais até situalo na porcentaxe vixente antes, do 8%.
Davila explica que na comarca do Baixo Miño medrou de maneira importante este sector grazas ao impulso emprendedor de persoas da zona, e que fixo posíbel unha industria que emprega a 900 persoas e que logrou facerse un oco en distintos estados da UE e de Oriente Medio, con grande proxección internacional.
Mais, explica, as arbitrarias medidas fiscais que o Goberno aplica a estes produtos poden rematar cos logros acadados nos últimos anos e prexudicar a centos de postos de traballo. O incremento abusivo do IVE tivo unhas consecuencias moi negativas para este sector posto que reduciu a súa competitividade no mercado estatal e internacional.
Sinala Davila que se enfrontan a unha auténtica competencia desleal posto que o IVE aplicado no resto de países da UE está entre o 8% e o 6%. Sobre todo, sinala, no Baixo Miño non poden competir con Portugal que aplica un IVE do 8% despois de que o subira pero voltou a baixalo.
A deputada do BNG pón de manifesto que as comercializadoras do Baixo Miño xa están a sofrer os efectos desta competencia desleal xa que os minoristas exixen os mesmos prezos. Sen esquecer que as súa vendas se reduciron nun 30%, e padecen o retraso na devolución do IVE por parte da Axencia Tributaria correspondente ás exportacións.
Davila enfatiza que se trata dun sector importante en Galiza, economicamente saneado, tecnoloxicamente avanzado e cunha grande capacidade innovadora. Insta ao Goberno a dar marcha atrás no desmesurado IVE e advirte que de non reducilo rematará cun sector en expansión.