A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pedirlles explicacións ao Ministerio de Fomento por ter autorizado a suba das peaxes da AP-53 para este ano 2015, a pesar de que a Ministra anunciou que para este ano non se ían producir encarecementos das peaxes.
A deputada do BNG denuncia a decisión de Fomento cando estamos perante unha das peaxes máis caras de todo o estado, a da AP-53 no tramo Santiago-Dozón. Máis o Ministerio fai unha excepción coa AP-53 e incrementa os seus custes, obviando deste xeito que nos últimos anos esta infraestrutura viaria se encareceu en máis dun 42% e obviando as demandas dos usuarios que levan tempo pedindo unha rebaixa das peaxes neste tramo.
Ademáis, Davila critica os argumentos de Fomento que tratan de xustificarse no Real Decreto 832/2011, no que se estabeleceu un incremento temporal estraordinario do 5% para, segundo o Ministerio, restabelecer o equilibrio económico financeiro da concesión, cando resulta que estas obras recibiron cuantiosos investimentos públicos. Nese sentido, subliña que Fomento aportou 60 milllóns de obras e a Xunta outros 60 millóns, en total sairon das arcas públicas nada máis e nada menos que 120 millóns e euros.
A parlamentar nacionalista afirma que o feito de existir un investimento público é suficiente razón para reclamar a gratuidade do tramo. Outro factor que non hai que esquecer é a circunstancia de que esta autoestrada carece dunha verdadeira alternativa xa que a N-525 é practicamente unha travesía urbana con velocidade limitada en moitos tramos a 50 km por hora.
Razóns polas que a deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas á Ministra de Fomento para demandarlle o descenso das peaxes da AP-53.