A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para preguntar ao Ministerio presidido por Cañete que controis está a facer ante os incumprimentos por parte da industria láctea da sinatura de contratos homologados cos produtores lácteos.
A deputada do BNG diríxese ao Ministro de Agricultura para pór de manifesto que as medidas estabelecidas na Lei da Cadena Alimenaria non están a funcionar. O Ministerio aprobou en outubro de 2012 a obrigatoriedade de que medie un contrato homologado entre a industria transformadora e as explotacións gandeiras para pode comercializar o leite. Supoñíase que os contratos homologados darían a potestade aos gandeiros para poder negociar o prezo durante a campaña.
Máis, subliña Davila, este acordo non funciona e o sector denuncia que as industrias seguen a ser as que impoñen as condicións ante a total desproteción dos produtores.
A deputada do BNG explica que os contratos deberían subscribirse antes do inicio da campaña láctea, pero dos 8.100 gandeiros galegos aos que se lles expira agora o acordo coa industria son moi poucos os que lograron renovar a súa póliza ás portas de comezar a nova tempada.
Sen contratos ou con contratos deficientes
Davila recolle os dados ofrecidos por sindicatos agrarios que indican que un 27% dos gandeiros aínda non teñen contrato coa industria. E o resto con contrato denuncian que se lles renova fora de data e por menos de tres meses cando a duración mínima debe ser por un ano.
Denuncia a deputada do BNG que o sector continúa desamparado fronte á unha industria láctea que impón as reglas de xogo, que corta o paso á negociación e que non ten ningún interese en cumprir coa obrigatoriedade dos contratos homologados.
De aí que Davila demanda ao Ministro Cañete unha investigación sobre este tema, escoite os problemas dos produtores e trate de estabelecer medidas de control que funcionen de verdade. Por iso formula unha serie de interrogantes ao Ministro: Que balanzo realiza o Ministerio do cumprimento por parte da industria láctea da obrigatoriedade de facer contratos homologados cos produtores? Coñece as denuncias dos gandeiros pola falla de contratos homologados ou porque se fan fóra de prazo e por menos do tempo estipulado?.