Davila pide ao Goberno negociacións para que exista a mesma norma sobre aletas de quenlla

BAIXANDO DO ESCANO 1A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei na Cámara e unha iniciativa parlamentar que insta ao Goberno a impulsar negociacións na UE a fin de presionar e lograr a aplicación dunha mesma norma a nivel internacional en relación ás aletas de quenlla.

A norma da UE obriga a descarregar as aletas de quenlla adheridas ao corpo

Davila recolle o malestar do sector pesqueiro de palangre de superficie polo que considera unha discriminación manifesta en canto ás normas establecidas pola UE para as frotas comunitarias sobre a obriga de descarregar as aletas de quenlla adheridas ao corpo desta especie.

Na liña das consideracións do sector pesqueiro, a deputada do BNG afirma que se debería aplicar o mesmo regulamento a todas as frotas pesqueiras a nivel internacional, e non diferenciar entre unhas e outras porque se producirán situacións discriminatorias, que van deixar á pesca europea en inferioridade de condicións. “Esta norma debería aplicarse ás demáis frotas internacionais coas que se comparten caladoiros e mercados”.

Salienta Davila que a maior parte da frota de palangre de superficie galega é de Vigo e da Garda, e “non poden soportar máis requerimentos que se traduzan en maiores custes como é este caso”. É preciso explicar que “a proposta de prohibir o corte de aletas a bordo dos barcos e ter que manter as aletas adheridas ao corpo das quenllas suporá un incremento dos cust es anuais da frota de máis de 9,5 millóns de euros e afecta a aproximadamente 2.775 tripulantes, así como a máis de 11.000 postos de traballo en terra”.

Olaia Fernández Davila pide ao Goberno que impulse unha ronda de contactos con outros estados da UE con frotas afectadas pola norma comunitaria que obriga a descarregar as aletas de quenlla adheridas ao corpo desta especie, a fin de conciliar unha posición conxunta para demandar á Comisión Europea que promova a aplicación desta norma a todas as partes contratantes da ICCAT e a outras organizacións rexionais de pesca que capturen quenlla.

Además, insta ao Executivo a realizar as xestións necesarias para evitar que as frotas pesqueiras de palangre de superficie traballen en inferioridade de condicións en relación a outras frotas internacionais que desenvolverán a súa actividade con menos custes económicos. O propósito da proposición non de lei de Davila é o de garantir a igualdade de condicións e a aplicación das mesmas normas a todas as frotas pesqueiras que se adican á pesca de quenlla.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG