A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a aprobar un fondo específico para Galiza destinado a facer fronte á preocupante caída demográfica e o despoboamento no territorio galego.
Davila lembra ao Executivo central que a Comisión Europea emprazou a todos os estados membros da UE a utilizar os recursos, polo menos as partidas integradas no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para atender as dificuldades específicas de zonas escasamente poboadas cuxo desenvolvemento se vexa freado pola súa situación xeográfica.
A deputada do BNG explica que Galiza e outras CC.AA reclamaron ao Goberno central e á UE a dotación dun fondo económico específico co obxectivo de lograr parar a forte caída demográfica que padecen e o despoboamento de parte dos seus territorios. Subliña que o Comisario europeo do ramo indicou que en todo caso corresponde aos estados membros fixar os importes a destinar ás zonas despoboadas.
Éxodo masivo de mozos e mozas pola falla de expectativas laborais
O Goberno é responsábel polas súas políticas laborais
Davila pón enriba da mesa os dados relativos á caída demográfica que padece Galiza desde hai anos, especialmente nestes últimos anos de crise económica. E responsabiliza especialmente ás políticas laborais e económicas do Goberno da falla de traballo para a mocidade. Vostedes están a levar a miles de mozos e mozas cara a emigración e apunta ás políticas laborais e económicas do Goberno central como causantes de incentivar a emigración debido á falla de futuro.
Razón pola que dirixe ao Goberno unha batería de preguntas: Dirixiuse a Xunta ao Goberno central para demandarlle un fondo económico especial? Non é certo que lle corresponde aos estados membros fixar os importes a destinar ás zonas despoboadas? Vai o Goberno a aprobar un fondo económico para Galiza? Está entre as previsións do Goberno a adopción de medidas que eviten o éxodo masivo de mozos e mozas á emigración debido á falla de expectativas laborais?.
Non considera grave que a mocidade teña que emigrar ou renunciar a un proxecto vital debido a que non hai traballo? Coida que se pode construir futuro nestas circunstancias?, son outras cuestións que formula ao Goberno.