Davila insta ao Goberno a manter a Onda Corta de REE porque "é un servizo público para os mariñeiros

DECLAS ORZAMENTOS 14 001A portavoz do BNG no Congreso, Olaia  Fernández Davila, presentou no Congreso unha batería de iniciativas parlamentares na que insta ao Goberno a manter o servizo de Onda Corta de Radio Exterior de España (REE) por “ser un servizo público de grande importanza para as frotas pesqueiras”.

E tamén, subliña Davila, “por constituir unha vía de comunicación para a emigración en xeral”. Davila presentou unha proposición non de lei para ser debatida na Comisión de Control parlamentar de RTVE, presentou unha pregunta escrita dirixida á Corporación e unha oral para ser formulada ao director do ente cando haxa sesión.

A deputada do BNG explica que o pasado 14 de outubro a Corporación de RTVE consumou o peche da emisión de Onda Corta de REE. “Unha decisión unilateral que supuxo deixar sin información a miles de cidadáns do estado español que por diversos motivos están vivindo fóra ou desenvolvendo as súas actividades de pesca en distintos caladoiros”.

Davila alega que a eliminación da Onda Corta “é unha mala noticia para os traballadores do mar, que durante moitos anos seguiron con interese espazos informativos como “Españoles en la mar”, un espazo informativo que é un referente para os mariñeiros”.

Con esta decisión, sinala a deputada do BNG, “a Corporación está abandonando ao numeroso colectivo de emigrantes do estado que tivo que emigrar por cuestións laborais e económicas. E tamén está a facer gala dunha grande insensibilidade ao deixar sin información a moitos mariñeiros”.

Davila reprocha ao Goberno que en lugar de garantir o dereito á información de traballadores do mar e emigrantes, “resta dereitos”. Por iso, demanda á RTVE que reflexione e escoite “a quen desde a distanza e desde os seus duros  traballos nos barcos que percorren toda a terra, piden que se manteña este importante servizo público”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG