A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que demanda á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que aprobe xa a orde ministerial coas axudas pola paralización temporal da frota afectada polo fin do Acordo de Pesca UE-Mauritania.
Davila lembra que Mauritania decidiu a finais de xullo pasado finiquitar o Acordo de Pesca, sen agardar a decembro posto que demandaba á UE 28 millóns de euros para que os barcos puidesen pescar até decembro deste ano.
A orde ministerial tiña que estar aprobada
Máis, a pesar de que rematou hai tres meses, a Secretaría Xeral de Pesca non publicou aínda a Orde Ministerial que debe regular as axudas pola paralización temporal da frota afectada pola decisión de Mauritania de pór fin ao Acordo Pesqueiro o 31 de xullo que supuxo a exclusión da maior parte dos buques das súa augas.
Davila sinala que desde entón moitos dos buques galegos ou vascos víronse obrigados a amarrar debido á falla de caladoiros alternativos, e critica que tanto as tripulacións como os armadores se manteñan sin ingresos económicos. Por iso o Ministerio debería axilizar a publicación da Orde de axudas. De feito, salienta, a Secretaría Xeral de Pesca anunciou no seu momento que se concederían subvencións previstas xa no Fondo Europeo de Pesca, sinalando que xa comezara a súa tramitación, mais os afectados descoñecen a súa existencia.
Motivo polo que a deputada do BNG dirixe á Ministra unha batería de preguntas: Por qué non se publicou aínda a Orde Ministerial das axudas? Cando se vai aprobar? A qué se debe o retraso?
Por último, Olaia Fernández Davila insiste na necesidade de negociar con Mauritania outro Acordo Pesqueiro e demanda que se procuren caladoiros alternativos á frota pesqueira.