A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandar ao Goberno medidas de protección aos consumidores fronte aos abusos bancarios como o cobro de comisión por tarxetas e outros servizos bancarios.
Davila lembra que o pasado 6 de xuño o Consello de Ministros aprobaba unha nova medida económica consistente en limitar até un máximo do 0,3% as comisións aplicábeis ás operacións con tarxetas no pequeno comercio. Unha medida que se adianta ao regulamento europeo fronte ás elevadas comisións de intercambio que se aplican no estado español ao comercio minorista.
Necesaria protección aos consumidores
Como era de esperar a medida non gustou ás compañías de tarxetas de crédito que non están dispostas a perder esa marxe de ganancia. Davila advirte dos efectos negativos sobre os consumidores porque a opción que baralla a banca é a de aumentar o custe das súas tarxetas e outros servizos bancarios aos consumidores. Todo apunta a que trasladen aos consumidores o custe da medida.
Un guión, sinala Davila, que xa vimos noutras películas como as da factura da luz, e que nos pón ante a evidencia de que sempre se carga contra o eslabón máis débil da cadea que é a poboación.
De aí que a deputada do BNG inste ao Goberno a acompañar a medida de limitar as comisións aplicábeis ás operacións con tarxetas no comercio minorista, con medidas paralelas de protección aos consumidores porque do contrario se estará a tapar unha ferida para abrir outra nova.
Por eso formula unha batería de preguntas ao Goberno: Non cre que este é un tema que deberían resolver coas compañías de tarxetas de crédito?