A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Goberno a desbotar o actual borrador de proxecto de modificación da Lei de Montes porque pretende acotar as funcións dos axentes forestais.
Davila denuncia que o Ministerio de Medio Ambiente quer prohibir aos gardas forestais que poidan acudir á Fiscalía ou aos Xulgados para denunciar delitos como incendios forestais, infracións urbanísticas ou vertidos que danan o medio ambiente. Actualmente os axentes forestais teñen a potestade de denunciar directamente os delitos medioambientais, máis no seu borrador o Goberno pretende que o comuniquen á Administración da que dependen, é dicer, as autonómicas.
Unha proposta para máis burocracia
Considera o corpo de gardas forestais que en nada favorece á proteción ao medio ambiente que o Goberno central lles reste funcións e competencias, e que se vai aumentar a burocracia de maneira significativa.
A deputada do BNG subliña ademáis que a nova liña do Ministerio contravén o disposto na Lei de Enxuizamento Criminal onde se recoñece aos axentes forestais como Policía Xudicial, e se estabelece que inmediatamente que os funcionarios de Policía Xudicial tivesen coñecemento dun delito público, ou fosen requeridos para prevenir a instrución de dilixencias por razón dalgún delito privado, participaráno á autoridade xudicial ou ao representante do Ministerio Fiscal.
Davila afirma que a modificación na Lei de Montes que pretende o Ministerio de Cañete parece procurar a imposición de intromisións burocráticas e administrativas. Ademáis, considera que é unha clara desautorización dos gardas forestais que deben someter as súas propostas sancionadoras á Administración para que elas as avalien e decidan que feitos poden ser delitivos ou non.