A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, abroncou hoxe desde a tribuna ao Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, por falta á súa palabra de rebaixar o IVE do 21% aplicado á floricultura e plantas ornamentais e lle reprochou que a súa palabra é nula.
A portavoz do BNG interviu no Pleno esta mañá para defender o paquetes de emendas presentadas polas nacionalistas galegas aos Orzamentos Xerais do Estado 2015 nas secións de agro, economía e facenda. Detívose especialmente Davila nas emendas do BNG que piden o IVE reducido nos béns e servizos utilizados na produción agrícola gandeira e forestal, alegando os elevados custes de produción.
Destacou as emendas que demandan a rebaixa do IVE ao sector das flores e das plantas de carácter ornalmental. Este Goberno subiu o IVE ao 21% cando estaba no 10%, o que lle provocou grandes problemas a sectores puxantes como o da comarca de O Baixo Miño, que con ese IVE non pode competir internacionalmente.
Señor Montoro, vostede dixo que ese IVE foi un erro e que era vontade súa procurar solucións. Pero resulta que non o resolveu nin nas reformas fiscais que se están a tramitar no Senado, nin o fixo agora nos Orzamentos.
Lembroulle que se comprometara co sector, nalgún dos encontros que mantiveron, e tamén con esta deputada, a reducir o IVE. Davila acusou a Montoro de faltar á súa palabra e de demostrar que a súa palabra é nula.
A deputada do BNG propuxo un Fondo Lácteo por un importe de 20 millóns de euros, unha proposta que cobra aínda máis importanza polo remate do sistema de cotas no 2015 que traerá aínda máis problemas ao sector gandeiro.
Advertiu da baixada de prezos do leite en orixe cada vez maior e que afecta ao sector galego. Por iso o Fondo Lácteo que propomos é chave para que se manteña vivo o medio rural e a actividade agraria.
En canto ao sector pesqueiro, o BNG demandou un fondo de 18 millóns para un Plan de Axudas á pesca galega.