En relación coa escandalosa utilización política que o Partido Popular e a súa contorna mediática están a realizar a respecto da investigación xudicial e o rexistro efectuado na Deputación Provincial de Lugo, a Executiva Nacional cre necesario facer chegar á militancia do BNG e á base social nacionalista, as seguintes consideracións:
1.- A investigación xudicial e os rexistros céntranse nun programa (Km 0) e nuns departamentos que afectan a áreas en ningún caso xestionadas polo BNG.
2.- En relación coa área de Deportes (esta si xestionada actualmente polo BNG) cómpre aclarar que non se produciu ningún rexistro, senón exclusivamente a solicitude de expedientes de axudas concedidas a un empresario lucense do sector do transporte, ou a empresas e equipos deportivos relacionados coa súa persoa. De aí a referencia á SAD Breogán, presidida por este empresario nos períodos 1996-2001 e 2006-2009.
3.- Cabe concluír, daquela, que as actuacións xudiciais realizadas na Deputación Provincial de Lugo non se corresponden cunha investigación aberta sobre a Área de Deportes, nin sobre a SAD Breogán, nin sobre ningunha área xestionada polo BNG. Ao contrario, a petición de documentación é transversal, e deriva da investigación anteriormente mencionada sobre outras áreas.
4.- Máis aínda, o compañeiro Antón Veiga, responsábel da Área de Deportes, está a proceder, desde o 8 de xuño de 2013, en coherencia cos principios do BNG, coa saída paulatina da Deputación do accionariado desta Sociedade Anónima Deportiva, prevéndose culmine este proceso no primeiro semestre de 2015.
5.- A intención do Partido Popular, a través da súa influencia mediática, consiste en xerar un ambiente confuso que tape o escándalo derivado do presunto financiamento irregular do PP na provincia de Ourense (e non só), e ademais reiterar a falsa idea de que a corrupción afecta por igual a todas as organizacións políticas. Mais no BNG proclamamos que non tod@s somos iguais, e reiteramos o noso compromiso co combate aberto a toda forma de corrupción.
6.- Con todo, a Executiva Nacional do BNG quere manifestar que, na Deputación Provincial de Lugo e en calquera outra institución pública na que estea presente, o primeiro pacto e compromiso do BNG, a súa única lealdade, vincúlase á defensa dos intereses populares, non a ningunha outra organización política. Fundamentamos o noso traballo institucional en principios éticos e políticos insobornábeis. Evidentemente, calquera indicio de alteración destes dará lugar a unha revisión profunda dos acordos políticos que os sustentan.