O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, denunciou que "a brigada contraincendios debía estar realizando labores de prevención nos montes que boa falta fai e non colocando flores diante do concello
O BNG vén de denunciar que o alcalde da Estrada, José López, do PP, utilizou a brigada contraincendios do concello para labores de xarinería. O concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, afirmou que os estradenses non deixamos de sorprendernos pola inconsciencia do alcalde da Estrada ao poñer brigada local contra os lumes a poñer bonita para La Vuelta a xardineira que hai diante do concello.
Non é para o que foron contratados, engadiu o concelleiro do BNG, de feito a subvención que recibe o concello da Xunta de Galiza para manter esta brigada é para loitar contra o lume e para desbrozar un mínimo de hectáreas no rural e nos montes, pero non para colocar flores diante do concello. É certo que o tempo axudou bastante para que este ano non teñamos incendios, explicou Magariños, por iso mesmo é importante que a brigada se adique a labores de prevención e non a outro tipo de tarefas.
Xosé Magariños explicou que foron os propios veciños e veciñas os que nos alertaron e o nos proporcionaron as fotografías, que proban a sobervia e a inconsciencia dun alcalde entregado completamente á causa de La Vuelta e do espectáculo que leva aparellada, deixando o resto á súa sorte, como os desbroces do rural, por exemplo.
Por que iso é outra, afirmou Magariños, os veciños e veciñas da Estrada fican sorprendidos ao ver que se deixou moi bonito todo alí por onde pasaron os ciclistas, que a cuadrilla de obras do concello varreu literalmente as beirarrúas da N-640, e mentres o resto da vila, e xa non digamos o rural, está a monte. Menos mal que non está ao alcance do alcalde, senón o resto metíao debaixo da alfombra para que non se visen os despropósitos, afirmou o concelleiro do BNG.