Montse Prado denuncio o desmantelamento dos servizos de atención para drogodependencia, alcoholemia e enfermidades de transmisión sexual mentres a consellaría de Sanidade tira pola borda dous millóns de euros en publicidade para a prevención destas afeccións
A deputada do BNG, Montse Prado, defendeu hoxe na Comisión de Sanidade, a través dunha Proposición non de lei paralizar a contratación dos servizos de difusión de campañas de protección, promoción da saúde e información ao cidadán valorada en dous millóns de euros.
A deputada cualificou de escándalo que a Consellería gaste esta cantidade en publicidade cando segue retallando diariamente en gasto social. Galiza é a comunicade autónoma, dixo, que menos inviste en gasto sanitario e o Partido popular segue disfrazando a realidade con campañas publicitarias e de autobombo.
Tras a intervención da portavoz popular, Marta Rodríguez Vispo que xustificou a medida publicitaria e loubou o traballo do Goberno galego nesta materia fronte gobernos anteriores, a nacionalista respondeu que resulta moi cansino escoitar continuamente que a culpa é sempre doutros e nunca do Partido popular para a continuación arremeter con datos que poñen en cuestión a actual xestión de Rocio Mosquera.
Neste sentido, realtou que dende o ano 2009 foron reducidos 1.200 millóns en orzamento acumulado, 3000 profesionais menos, aplicáronse repagos inhumanos aos doentes crónicos hospitalarios, copagos para próteses, retirada de medicamentos do catalogo argumentando a falta de recursos e a necesidade de seren eficientes, e agora, a consellería de sanidade aproba un investimento de dous millóns de euros en publicidade para previr algunhas enfermidades que despois non contan cos centros necesarios para o seu tratamento.
Montse Prado pediu de novo paralizar a campaña publicitaria e reclamou investir máis en sanidade porque os discursos grandilocuentes e a propaganda non poden tapar o que está acontecendo como a retirada de recursos para os servizos de atención a drogodependentes, alcohólicos e enfermidades de transmisión sexual. Non ten ningún sentido, dixo, informar a cidadanía sobre a promoción da saúde cando un galego ou galega acude a sanidade pública e comproba o deterioro á que a está conducindo o Partido popular.
É un despropósito tirar dous millóns de euros mentres recortan en recursos humanos e materiais sanitarios, non constrúen infraestruturas sanitarias e paralizan as ampliacións previstas como a do hospital do Salnés.
Entre as prioridades da consellería concluíu a parlamentaria do BNG, imperan os recortes e non a calidade da prestación de servizos.
A proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.