Tereixa Paz pediu a supresión das Deputacións e cualificou de caos a lei aprobada, á instancias do Ministro Montoro
Pleno.- Unha vez máis, o BNG mostrouse contrario ao Proxecto de lei de medidas urxentes derivadas da lei de reforma da Administración local que cualificou de caos e acusou a Xunta de non exercer as competencias en materia local, non presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a lei e intentar maquillar a lei para non cuestionar o modelo de Administración local do Estado.
A deputada do BNG, Tereixa Paz lembrou que todo o que teña a ver coa prestación de servizos públicos e competencias dos concellos quedan a expensas da nova Lei e criticou as trabas que o Partido popular está a poñer para impedir a relación da cidadanía cos concellos, o PP dixo quere baleiralos de competencias , sentenciou.
Por outra parte, a parlamentaria volveu reclamar a supresión das deputacións que tachou de vestixios do pasado e institucións antidemocráticas que o PP coa nova Lei pretende consolidar e reforzar en detrimento das corporacións municipais.
Paz tamén acusou ao Partido popular de utilizar a falsa duplicidade na prestación de servizos para restar competencias aos municipios, a pesar de contar con recursos para crear emprego e tecido económico, vostedes, dixo, queren uniformizar ideoloxicamente ás administracións públicas para controlar o gasto dos cidadáns mentres seguen gastando en rescatar a grandes corporacións e coa política de sobres.
A nacionalista cualificou de caos a lei de medidas urxentes derivadas da lei de racionalización e sustentabilidade da Administración Local que finalmente foi aprobada cos votos favorábeis do grupo maioritario do Partido popular.