A parlamentaria nacionalista, Ana Pontón lamentou que a Xunta e o Partido popular segan tomando o pelo aos veciños e veciñas con anuncios que son fume
A deputada do (BNG), Ana Pontón, formulou hoxe unha pregunta na comisión de Sanidade na que reclamaba a construción dun novo centro de Saúde na vila de Melide ante as penosas condicións nas que se atopa o actual centro.
Na súa intervención, a nacionalista lembrou que durante os últimos anos a Xunta de Galiza e o Partido popular realizaron diversos anuncios e mesmo se recolleron partidas nos orzamentos de 2012 coa consignación de 500.000 euros- superando no ano 2013 os 700.000 euros para o novo centro. Sobre este extremo, a nacionalista preguntou polo destino dos devanditos fondos, resposta que foi eludida polo Director de Asistencia Sanitaria Félix Rubial Bernárdez .
Ante o proceder de Rubial Bernárdez, Pontón asegurou que, unha vez máis, o Goberno ven ao Parlamento a vender fume e a enganar aos veciños e veciñas de Melide e comarca.
Pola súa parte, o director de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial Bernárdez recoñeceu as carencias do centro de saúde de Medide, máis eludiu formalizar ningún compromiso concreto limitándose a afirmar que o novo centro se construiría no máis breve prazo posíbel e que existe un problema de prioridades por mor da situación económica.
A deputada retrucou estas afirmacións porque ao seu xuízo, o problema non son os recursos, senón como se gastan e puxo como exemplo os dous millóns de euros que a Xunta licitou hai un mes en propaganda que para a nacionalista estarían mellor empregados no Centro de saúde de Melide. Ademais, remarcou, isto demostra que o problema non é de cartos, senón que o PP e a Xunta están empeñados en demoler a Sanidade pública.
O BNG cualifica de lamentábel a resposta da Xunta porque representa unha tomadura de pelo e unha forma máis de engano á xente. En todo caso, anunciou, a formación nacionalista seguirá defendendo a construción do centro de Saúde de Melide, para o que traballará desde as institucións e con presión social.