Daniel Rodas defendeu unha Proposición non de lei na comisión de Pesca con medidas concretas para que nos procesos de depuración de marisco de zona C non alcance altas taxas de mortaldade e sen sufrir unha depreciación no prezo da poxa
O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, denunciou hoxe en comisión unha excesiva propaganda no tratamento de depuración en bateas que prometía poder chegar a depurar 450 toneladas ao ano, ingresos de máis de 4,3 millóns de euros anuais e un proceso de depuración de 5 días.
O parlamentario asegurou que a propaganda do Goberno galego contrasta coa realidade xa que o propio sector cuestiona a localización das instalacións en Aldán onde se producen a maior parte dos peches administrativos. As de Ferrol están nunha zona de acumulación de residuos que aumenta a duración da depuración, situación agravada pola depreciación de prezo do marisco na lonxa, que branquea e ten escaso atractivo por parte dos compradores, situando o prezo na metade do valor do marisco que se poxa normalmente.
Tamén hai que salientar, dixo, a desmerma e mortaldade do produto. Os mariscadores, explicou, cobran o total de capturas que pasan por lonxa pero cando volven da depuradora hai que descontarlle a desmerma e a mortaldade reducíndose o número de quilos que é costeado pola confraría provocando a ruína da mesma.
Polo tanto, remarcou, estamos ante un proxecto propagandístico que leva cada ano 1,5 millóns de euros do orzamento da Xunta e cuxa finalidade é eliminar os Plan Plans subvencionados para a limpeza das rías sen depuradora.
Nesta liña asegurou que non é unha solución eficiente aos múltiples problemas que está a padecer as zonas C de marisqueo. Está non é a panacea que prometía a señora conselleira porque se hai peches administrativos non se pode depurar. Presenta altos índices de mortaldade, depreciación dos prezos en lonxa, depreciación do produto, cárgaselle aos pósitos as desmermas e mortaldades e repercute negativamente nas arcas dos pósitos e nos ingresos dos mariscadores, concluíu.