O BNG reclama cubrir a praza de médico en A Pobra do Brollón

Entrega da queixa ante o Valedor do Pobo

O alcalde, Xosé Luís Maceda e o deputado do BNG, Cosme Pombo denuncian que a falta de facultativos afecta “a todo o medio rural” e  reclaman respecto ao dereito á saúde para estas  persoas

Rolda de prensa

O deputado do BNG, Cosme Pombo e o alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda reclamaron hoxe no Parlamento galego cubrir a baixa dun médico nesta localidade que conta cunha poboación de 1.800 persoas.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, o alcalde, Xosé Luís Maceda, veterinario de profesión, asegurou que tras o verán produciuse a baixa dun dos dos médicos de familia cuxa baixa non foi cuberta o que obriga ao facultativo actual e ao que acude a consulta só os luns a atender a unha poboación de 1.800 persoas. O alcalde afirmou que neste momento en A Pobra do Brollón “hai un médico e tres veterinarios” o que ao seu entender, evidencia que “están mellor atendidos os animais que as persoas”.

Maceda explicou que o problema de atención sanitaria no concello foi comunicada á consellería de Sanidade que confirmou o cumprimento da ratio de tarxetas pero sen compromiso algún para cubrir a baixa do médico.

Iniciativas do BNG no Parlamento contra os recortes

Pombo lembrou que en A Pobra do Brollón había tres médicos e na actualidade só queda un polo que pediu ao Goberno galego “respecto para o rural galego e as persoas que nel viven”. O BNG entende, dixo, que un concello como A Pobra do Brollón, “rural, con poboación envellecida e cun hospital en Lemos que cae a cachos” non pode recortar tamén a Atención primaria

Sobre esta cuestión sinalou que unha persoa infartada nesta localidade ten “o dobre de posibilidades de morrer” por falta de asistencia como xa denunciou o BNG en diversas iniciativas sobre a falta do servizo de Hemodinámica durante 24 horas, radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, o desvío de pacientes da Sanidade pública á privada, as prazas médicas sen substituír nos concellos de Cervo, Xove, Ribadeo e Riotorto e os continuos recortes no “dereito á saúde”.

Oito días para unha cita médica

Para o alcalde resulta urxente contar con dous médicos polo que reiterou a necesidade de cubrir a baixa do facultativo porque en moitas ocasión durante unha urxencia,dixo, o centro de saúde permanece “unha hora ou hora e media sen atención”. Maceda sumou a esta circunstancia a lista de espera para os veciños que se converte en oito días para unha cita médica ordinaria.

Entrega da queixa ante o Valedor do Pobo

O rexedor tamén preguntou “onde está a política de reequilibrio territorial” que defende a Xunta de Galiza, cando en realidade, practica unha política para “cerrar o rural”. Nós, recalcou “non imos a marchar” e chegaremos a onde faga falta para manter os servizos.

O BNG entrega a queixa ao Valedor do Pobo

Previamente á comparecencia ante os medios de comunicación, o alcalde acompañado do deputado do BNG, Cosme Pombo, o tenente de alcalde e a responsábel de Política Municipal, Goretti Sanmartín fixeron entrega dun escrito de queixa ante o Valedor do Pobo para pedir a súa mediación no recorte de Atención primaria en A Pobra do Brollón.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG