Carme Adán defendeu integrar na corporación a todas as empresas públicas e participacións en sociedades mercantís das que sexa titular a Xunta
A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe na comisión de Industria crear unha Corporación Industrial Pública galega co fin de incorporar a todas as empresas públicas e participacións en sociedades mercantís das que sexa titular a Xunta de Galiza así como as entidades do sector público autonómico e os centros de traballo de empresa públicas dependentes da administración central do Estado que sexan transferidos ao Goberno galego.
A parlamentaria agradeceu o apoio dos grupos socialista e AGE á iniciativa nacionalista e lamentou que o PP se negara a reconsiderar a proposta por entender que o IGAPE e Xesgalicia xa cumpren ese papel.
A situación económica e industrial de Galiza, explicou a parlamentaria, fai necesario tomar medidas encamiñadas a resolver a crise dos sectores produtivos galegos e nese sentido, manifestou, o BNG considera que a iniciativa defendida hoxe pode, en grande medida, colaborar nesa liña.
Nas comisións parlamentarias hai que debater propostas e por iso traemos hoxe a creación dunha Corporación Industrial galega que formaría parte do Instituto de Crédito galego. A situación industrial precisa de alternativas nunha situación caracterizada pola acumulación de caídas importantes dende o 2009 e agravándose no último ano nun 8,3%, mentres o Partido popular segue tentando convencernos da suposta recuperación.
Fiasco so sector eólico e negativos datos en exportacións e filiación á Seguridade social por ramas industriais.
A deputada remarcou que a iniciativa do BNG supera a política de subvencións ás empresas e resulta unha aposta para saír da grave situación económica se ademais vai acompañada da creación dun Instituto galego de Crédito.
Pola súa parte, o portavoz popular, Hipólito Fariñas anunciou o voto en contra do PP por entender que non se pode defender ese modelo intervencionista aínda que coincidiu na diagnose realizada pola deputada en relación ao desemprego e a situación industrial pero Galiza, afirmou, xa está a desenvolver un modelo propio dende o IGAPE e XesGalicia.
Fariñas cualificou de ousadía a proposta do BNG porque despreza os clusters que xa existen.
Na quenda de réplica, Adán respondeu ao voceiro popular que o actual modelo só serve para que as consellerías fagan autobombo pero non ofrecen alternativas á industria galega, nós traemos unha proposta a debate porque o que hai non é eficaz. A política de subvención, reiterou, non garante o emprego nin a viabilidade das empresas.