O BNG pide que volva para Galiza a colección de patrimonio etnográfico Benigno R. Eiriz

Ana Pontón instou ao Goberno a iniciar xestións para o retorno da colección, a súa conservación e exposición pública. A proposta nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popularAna e Cosme na Comisión 2ª

A portavoz de cultura do BNG , Ana Pontón defendeu hoxe unha iniciativa destinada a recuperar a colección de patrimonio etnográfico Benigno Ramón Eiriz, para a súa conservación, exposición pública, valoración técnica e catalogación.

Pontón salientou que a colección de patrimonio etnográfico forxouse nos anos 60 por un dos grandes entusiastas da cultura popular galega, Benigno Ramón Eiriz, pioneiro na selección antolóxica de carros , con máis de 180 diferentes tipoloxías, malladoras artesanais, muíños, básculas, teares, cobertores...e con obxectos que oscilan no peso dende os grans ata toneladas.

A situación de precariedade e abandono da colección, depositada en León, ten sido denunciada pola familia de Eiriz así como a falta de vontade política para chegar a acordos que garantan o seu regreso a Galiza.

O PP, dixo a nacionalista, gastou cinco millóns de euros en exposicións “efémeras” e cando existe a posibilidade “con moitos menos recursos” para dotar espazos con valor cultural, vostedes néganse. A deputada mesmo amosou a súa disposición a aceptar unha emenda in voce e modificar un dos puntos da PNL para acadar un “acordo de mínimos” baixo o parágrafo: “Instar ao Goberno galego a promover os pasos necesarios para salvagardar e recuperar para o patrimonio cultural galego a colección de patrimonio Etnográfico Benigno Eiriz”.

A parlamentaria lamentou o voto do Partido popular en contra da proposta do BNG e afirmou que unha vez máis “dálle as costas a unha parte da historia de Galiza, á que tanto lle debemos”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG