O BNG pide paralizar as obras no castelo de Monterrei ante posíbeis danos irreversíbeis

Consello da Cultura galega, Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei e BNG poñen en cuestión o uso hoteleiro dunha parte do edificio do castelo

Tereixa Paz

A deputada do BNG, Tereixa Paz rexistra unha Proposición non de lei na que pide paralizar as obras do castelo de Monterrei ante posíbeis danos irreversíbeis e sobre as previsións do Goberno ante o “ditame do Consello da Cultura galega” que cuestiona o uso hoteleiro dunha parte do edificio do castelo.

O Consello da Cultura Galega, explica nacionalista na súa proposta, acaba de emitir o informe “Usos do Castelo de Monterrei (Ourense)” realizado a petición, no mes de maio, pola Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, entre outros colectivos da comarca. O obxecto da solicitude era que este órgano asesor e consultor en materia patrimonial e cultural se pronunciase sobre a situación patrimonial e legal do proxecto que se está levando a cabo no castelo por parte do goberno da Xunta de Galicia, para “convertelo nun Hotel-Parador de catro estrelas”.

O informe elaborado polo Consello da Cultura participaron numerosos expertos en patrimonio, historia, antropoloxía e arquitectura concluíndo que debe que debe revisado o destino para uso hoteleiro dunha parte do actual edificio do Castelo.

Existe “unha coincidencia”, afirma a deputada nas argumentacións do Consello da Cultura, Plataforma e Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego no sentido de que sería máis coherente facer “un plan de viabilidade do actual parador”, situado a menos de 400 m do Castelo e redactar un Plan Director do Castelo no que o seu papel central sexa o de “elemento dinamizador da comarca, incentivo turístico, cultural e como complemento do espazo hoteleiro”.

Tereixa Paz

Esta é a conclusión o central do ditame do Consello Consultivo pero non é menos relevante a critica que fai en relación coa deficiente categorización ou catalogación deste ben patrimonial e a súa proposta de que con carácter previo a calquera actuación e/ou intervención se debera establecer cal é a figura de protección máis acaída.

A xuízo do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego o carácter de alta cualificación deste informe e a rotundidade das súas conclusións deberan motivar unha profunda reflexión no Goberno galego en relación coa continuidade das obras e das actuacións que se están executando no Castelo, entre outras razóns polo seu “carácter irreversíbel e falta de consenso social e técnico en relación coa súa idoneidade”.

Ante esta situación, a parlamentaria nacionalista insta ao Goberno Galego a que, unha vez coñecido o ditame do Consello da Cultura Galega en relación coa non idoneidade das actuacións para converter nun complexo hoteleiro a Acrópole e Castelo de Monterrei, realice as seguintes actuacións:

1.- Ordenar a paralización inmediata da execución de todas as obras e actuacións previstas dado que estas poden provocar efectos irreversíbeis sobre o conxunto.

2.- Realizar as actuacións que recomenda o ditame do Consello da Cultura Galega de cara á correcta categorización e catalogación do conxunto para dotalo da figura de protección adecuada ás súas características e importancia patrimonial.

3.- Constituír, contando coa colaboración do Consello da Cultura e das organizacións sociais en defensa do Castelo, un grupo de traballo para a elaboración e aprobación dun Plan Director do Castelo no que o seu papel central sexa o de elemento dinamizador da comarca, incentivo turístico, cultural e como complemento do espazo hoteleiro.

4.- Demandar do Goberno do Estado que a empresa pública Paradores Nacionales elabore un plan de viabilidade do parador xa existente mellorando as súas instalacións e adaptando a súa oferta ás novas necesidades do turismo.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG