Carme Adán cualifica de autobombo a iniciativa e denuncia que pretende agochar a inactividade no eido económica e industrial polo que pide a súa inmediata parlalización
A deputada do BNG, Carme Adán rexistra varias iniciativas sobre a contratación dunha campaña publicitaria: A economía de Galicia como principal impulsora do desenvolvemento e o emprego dunha terra recoñecida como Galicia Calidade por un importe de 1.157.024 euros sen IVE.
Adán cualifica esta iniciativa de despilfarro de cartos públicos polo que pide a súa inmediata paralización.
Para a deputada , a campaña de autobombo do Goberno é un insulto a todas ás persoas e empresas afectadas pola crise económica e, na súa opinión, só pretende agochar a inactividade económica e industrial galega con empresas abocadas ao cerre, Pescanova en mans da Banca, liquidado o sistema financeiro galego e emigrando o talento do noso país. Ante esta realidade, a deputada considera que a Consellería de Industria pretende disfrazar a situación contratando unha campaña de publicidade valorada en 1.157.024,79 euros sen IVE.
A parlamentaria asegura que a Consellería de Industria non pode gabarse dos resultados do tecido económico e industrial galego e explica na iniciativa que no mes de marzo do 2009, data que Núñez Feijóo gaña as eleccións, eran 163.214 os afiliad@s á Seguridade Social no sector industrial fronte os 127.678 do ano 2013, as ramas ligadas ao téxtil tamén experimentaron unha caída ao igual que o sector da madeira e a fabricación de produtos metálicos.
Por outra parte, o emprego industrial perdeu máis do 10% do seu peso total no emprego de Galiza e agora o Goberno do Partido popular quer poñer en marcha unha campaña fora de toda lóxica para publicitar a inactividade económica galega.