O BNG pide levantar as sancións aos participantes das mobilizacións do cerco

 O deputado do BNG, Daniel Rodas instou ao Parlamento a demandar ante a Subdelegación do Goberno paralizar os expedientes sancionadores contra as persoas que participaron nas mobilizacións reclamando un reparto xusto das costas de xarda

Daniel Rodas en Comisión

O parlamentario do BNG, Daniel Rodas pediu arquivar as citacións e expedientes sancionadores contra as persoas que participaron nas concentracións no mes de marzo contra o “inxusto reparto” de cotas.

Para o deputado, o reparto da U.E prexudicaba gravemente a flota galega polo que se fixo necesario, dixo, responder en contra dese resparto ante a negativa da Consellería de Mar a interceder no conflito, “o Goberno en vez de utilizar a política e o dialogo usa as forzas de seguridade contra o sector pesqueiro”, manifestou.

Rodas tamén asegurou que o delegado do Goberno quer castigar aos participantes nas mobilizacións remitindo citacións e abrindo expedientes que van dos “300 aos 6.000 euros”, vulnerando o dereito dos traballadores a poder exercer o dereito a pescar “con dignidade”.

É necesario cambiar o modelo político para non “criminalizar” ás persoas que defenden con folgas e mobilizacións os seus dereitos, “ as concentracións convocadas pola asemblea de Portosin denunciaban o preacordo do reparto das cotas de xarda e reclamaban unha nova negociación baseada en criterios equitativos”, debe ser isto penalizado preguntou.

O sector manifestouse “pacificamente” e foi agredido polas forzas de seguridade do Estado e do propio Goberno galego, denunciou o nacionalista.

A portavoz do pesca do PP, María Herminia Pouso negou que o reparto da xarda fora “discriminatorio e desproporcionado” e afirmou que o Goberno galego sempre “traballou co sector” para conseguir mellores cotas de pesca. A voceira popular explicou que “non existe ningún expediente por participar nunha manifestación, agás no caso de non estar autorizada”.

A portavoz do PP, despachou a solicitude do BNG manifestando que “non é competencia do Goberno galego” e anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.

Rodas acusa ao PP de comportamento “mafioso” co sector

 

Rodas agradeceu o apoio do resto dos grupos parlamentarios e denunciou que o Partido popular actuou “como unha mafia” ao tentar desmobilizar ao sector a través de “prebendas” para tres convocantes. Par ao deputado, O delegado do Goberno ten un proceder parecido cando “persegue a preferentistas, desafiuzados, persoas que defenden o galego e tamén aos nosos mariñeiros”.

O presidente da comisión, Javier Guerra preguntou ao nacionalista se o termo “mafia” era figurado ao que Rodas declinou responder e retirar.

Finalmente, o parlamentario agradeceu o apoio do resto dos grupos e criticou que o Partido popular sega no camiño de “demonizar e castigar ” aos cidadáns que reclaman na rúa os seus dereitos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG