Daniel Rodas traslada ao Parlamento as demandas do Consello Regulador do Mexillón de Galiza. Ao consumidor non se lle pode ofrecer chorito, por mexillón de Galiza, afirmou o nacionalista
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe unha Proposición non de lei na comisión de Pesca, destinada a cambiar a norma europea para que na información alimentaria ao consumidor figure o país de orixe ou lugar de procedencia dos produtos da pesca e acuicultura.
Pola súa parte, o PP respondeu que a petición do deputado non resultaría operativa por non coller na etiqueta dunha lata . O deputado replicou que os consumidor@s teñen dereito a unha información veraz e reiterou que a iniciativa defendida hoxe polo BNG na Comisión de Pesca é posible se o Partido popular ten vontade para facelo.
Rodas lembrou que na actualidade os produtos galegos como, o mexillón, berberechos, ameixa xapónica... están a sufrir unha importante competencia por operadores foráneos que aproveitan a marca inmaterial marisco galego para pasar outros por produtos de Galiza por un mal etiquetado, ao seu xuízo, unha fraude que desvaloriza a Denominación de orixe.
Para o nacionalista, o anunciou do voto en contra á iniciativa do BNG formulado pola portavoz do PP, Rosa Oubiña demostra a hipocrisía do Partido popular ao ademais culpabilizou da caída irreversible do prezo da vianda.
Neste sentido, manifestou que o PP ten dividido ao sector por non regular os prezos e ofrecer garantías do seu traballo pero ademais, o consumidor tamén resulta gravemente prexudicado ao mercar chorito en vez de mexillón galego. Ou se está co sector produtivo galego ou non espetoulle Rodas á portavoz popular. Vostedes,engadiu, xa lle deron as costas en Europa cando Carme Fraga propuxo modificar o regulamento a pesar de que prexudicaba aos produtores.
Queremos saber a orixe dos produtos e impedir que non nos digan que son galegos cando en realidade proveñen de Chile ou Tailandia, esiximos que non se permitan esas importacións que levan ao sector a unha caída do 60% no consumo de produto transformado.
O parlamentario concluíu a súa intervención denunciando a grave situación dos produtores tras os temporais, caída de prezos e peches administrativos aos que sumou o modelo clientelar das subvencións. En Galiza, explicou, enlatábase chorito con total impunidade e agora nin iso, agora, só lle colocan a etiqueta para distribuílo como produto galego. Vostedes inxectaron inxentes subvencións para modernizar as industrias, industrias que agora non teñen ningunha vinculación co produto autóctono, rematou.