Ana Pontón defendeu preservar os espazos naturais de grande interese e valor ambiental e pediu un cambio de rumbo na política de destrución medioambiental do Partido popular
A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe unha Proposición non de lei para garantir a preservación e diversidade biolóxica da Rede Natura así como a súa ampliación e fondos para a súa sustentabilidade.
O Partido popular votou en contra da iniciativa nacionalista asegurando que non é un problema de tamaño ao que a deputada respondeu que Galiza pode contar con máis espazos protexidos e deixar de estar a cola nesta materia.
Na defensa da iniciativa, Pontón recalcou que non existe preocupación por parte do Partido popular para a protección do territorio e conservación do Medio Ambiente como elementos de calidade de vida en Galiza. Mentres o Estado español conta cun 28,26 % de superficie en Rede Natura, Galiza sitúase no 12,22%, moi por debaixo da Unión europea, temos capacidade, potencialidade e un medio ambiente moi singular e a pesar desas condicións, o PP segue coa súa política de destrución do noso país.
Pontón criticou a lasitude dos criterios do Partido popular para impedir a ampliación da Rede Natura e lembrou o compromiso do Presidente da Xunta no ano 2019 para iniciala, vostedes non teñen criterio porque esta cuestión non lles interesa, sentenciou.
Asemade, tamén aludiu á memoria económica con fondos para a Rede Natura á que se referiu o portavoz do Partido popular, José Santiago Freire na súa intervención, cando en realidade, dixo a nacionalista, este Goberno sitúa na marxinalidade nos orzamentos os recursos destinados á Rede Natura.
Finalmente, a parlamentaria do BNG afirmou que o PP segue poñendo en marcha políticas destrutivas de medio ambiente e , na súa oponión,o Plan director aprobado constata o fracaso da xestión da Rede Natura, seguen teimudamente tropezando na mesma pedra para desgraza deste país, concluíu.