O BNG parabeniza a Evo Morales polo triunfo electoral nas Presidenciais de Bolivia

evo morales

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) ven de transmitir hoxe os parabéns a Evo Morales polo triunfo electoral nas eleccións Presidenciais deste domingo no Estado Plurinacional de Bolivia. Na comunicación enviada ao Movimiento al Socialismo- Instrumento Político para la Soberanía de los Pueblos (MAS-IPSP), o BNG felicita o Pobo boliviano por continuar apoiando un proxecto de transformación social e de defensa da soberanía económica, social, enerxética e cultural, é dicir, da soberanía nacional, como leva facendo nestes anos o goberno encabezado polo Presidente Evo Morales Ayma.

O tándem formado por Evo Morales e o vicepresidente Alvaro García Linera, alcanzou máis votos que en pasados comicios, como expresión da vontade decidida do pobo de continuar as políticas de transformación social e empoderamento dos distintos pobos que compoñen o Estado plurinacional de Bolivia.

O BNG ven de asinar no Foro de São Paulo, que decorreu recentemente en La Paz (Bolivia), un acordo de cooperación bilateral co MAS-IPSP no que ambas formacións van desenvolver a cooperación política, información e intercambio en distintas áreas, co fin de incrementar relacións políticas e colaboración internacionalista, coa loita pola soberanía como horizonte.

Compostela, 13 de outubro de 2014

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG