BNG parabeniza Dilma Rousseff e Tabaré Vázquez polo triunfo electoral en Brasil e Uruguai

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) ven de transmitir hoxe os parabéns ao Partido dos Trabalhadores (PT) do Brasil e ao Partido Comunista do Brasil (PcdoB), forzas coas que mantén estreitas relacións de fraternal solidariedade, polo triunfo de Dilma Rousseff no segundo turno das elección presidencias do Brasil.

O BNG considera que a vitória de Dilma frente ao candidato da dereita neo-liberal supón o triunfo do pobo brasileiro e asegura as conquistas sociais alcanzadas nos últimos doce anos cos gobernos de Lula da Silva e da propia Dilma Rousseff. O Bloque Nacionalista Galego acolle con interese a mensaxe que lanzou a Presidenta asumindo que son precisas mudanzas políticas no Brasil para profundizar nas políticas de transformación social e continuar avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Do mesmo modo, o Bloque Nacionalista Galego parabeniza a Frente Ampla (FA) do Uruguai polo indiscutíbel triunfo do tándem da esquerda, Tabaré Vázquez como candidato á presidencia e Raúl Sendic á vice-presidencia, nas eleccións presidenciais deste domingo.

O BNG fai votos por que os candidatos da Frente Ampla revaliden esta vitoria na segunda volta das presidenciais, de modo que se dé continuidade ás políticas transformadoras iniciadas no Uruguai pola FA en 2005, primeiro co propio Tabaré Vázquez e despois con José Mujica.

O Bloque Nacionalista Galego considera que as vitorias de Dilma Rousseff e de Tabaré Vázquez supoñen o triunfo das políticas de transformación social mais tamén da defensa da soberanía nacional neses países. Na noite deste domingo electoral o Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence, adiantaba os parabéns nas redes sociais enfatizando precisamente que con el@s ‘gaña a democracia e soberanismo latinoamericano fronte ao hexemonismo USA’.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG