O BNG insta a Portos a acometer a dragaxe da dársena de Laxe

Porto de Laxe

Daniel Rodas pediu ao Presidente de Portos de Galiza, José Juan Durán cumprir o seu compromiso para resolver a inseguridade no porto e o basculamento do areal que provoca “aterramento do pobo”

Daniel Rodas en Comisión

O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, preguntou hoxe ao titular de Portos de Galiza, Juan José Durán polos compromisos adquiridos para resolver os problema de inseguridade no porto de Laxe e o basculamento do areal que está a provocar o aterramento do pobo.

“O sector está esperando pasos concretos e vostede só responde con obras menores”, dixo o deputado do BNG tras a explicación de Durán sobre as dificultades técnicas para acometer a dragaxe.

 Rodas pide dragar a dársena de laxe e o Presidente de Portos de Galiza responde que non é “Harry Potter nin ten unha variña máxica”

Levamos 25 anos facendo estudos e sempre acabamos igual, “boas palabras” pero ningunha medida para resolver o problema, criticou o nacionalista. Os mariñeiros de Laxe queren respostas e non discursos dilatados no tempo ao que Durán replicou que non é “Harry Potter nin ten unha variña máxica para dragar a dársena”.

Para o parlamentario, a inseguridade no porto de Laxe responde á “actuación clientelar do PP”, na construción do actual contradique que produce remuíños na dársena e alarma de posíbel afundimento das embarcacións amarradas e que mesmo obriga aos mariñeiros a desprazarse a outros portos costeando os desperfectos e afundimentos.

Porto de Laxe

Neste sentido, lembrou que na semana de Reis do 2014, naufragou un barco de 10 metro de eslora provocando o pánico entre o resto das embarcacións.Ante o acontecido, dixo, Portos de Galiza constituíu unha Comisión de Seguimento coa Corporación Municipal e Costas do Estado para planificar o programa de actuacións. Dentro destes compromisos, e por orde de prioridades figuraba a dragaxe da dársena, a retirada do actual contradique e o compromiso de redactar e construír un novo contradique no lugar de Besugueira pero na última reunión con Portos, confirmou que os traballos de dragaxe se paralizaban ata a primavera do 2015, “deixando os compromisos sen efecto”.

Isto supón, explicou o portavoz de pesca do BNG, que de novo os mariñeiros este inverno van estar expostos a que se repitan os sucesos da Semana de Reis. Para Portos de Galiza e o Goberno do Sr Feijóo, “esta non é unha obra prioritaria, aquí non hai que salvar santos, nin propiedades do Arcebispo de Compostela, aquí unicamente é unha vila das tantas que hai polo País, mariñeira, que están abocados a soportar temporais” .

Rodas acusou ao presidente de Portos de Galiza de adiar a solución e pospoñer o remedio. “Vostede é único responsable por non ser capaz de dar solución ao problema que padecen os mariñeiros pero que provocaron vostedes”. Laxe quere compromisos claros e concretos, con datas e orzamentos e non promesas de palabra que despois “nunca cumpren”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG