O BNG denuncia que o PP somete á “ inanición” o Banco de Terras

Tereixa Paz lamenta que despois de tres anos da modificación da lei do Banco de Terras, o Goberno meterao “no conxelador”

Tereixa Paz

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta na comisión de Agricultura sobre os datos das parcelas incorporadas ao Banco de Terras dende a entrada en vigor da nova lei.

Tereixa Paz denunciou que despois de tres anos da modificación da lei do Banco de Terras por parte do Goberno do PP, e segundo datos facilitados por persoas afectadas con expedientes pendentes, “os atrasos” na súa resolución son inasumibéis e impiden que as explotacións poidan incrementar a súa base territorial a pesar da “falsa propaganda” da Xunta.

Pola súa parte, o director xeral de Medio Rural recoñeceu que de todos os expedientes resoltos nestes anos foron 1.000 as explotacións e mobilizouse cunha cantidade de 650 Ha que a deputada cualificou de “raquítica”.

O BNG considera que esta situación é produto da “falta de interese do Goberno” pola mobilización e posta en produción da terra ademais de desmantelar os instrumentos existentes con anterioridade.

PP meteu o banco de terras no conxelador

O feito de que o Banco de terras, recalcou, non teña ningún instrumento de xestión propio e ficara diluído no magma da Axencia galega de Desenvolvemento Rural, propicia unha situación de colapso porque o PP meteuno “no conxelador” impedindo o seu desenvolvemento.

Outra mostra do “desleixo da Xunta” foi a contratación de SEAGA para intentar por remedio, aínda que de forma moi parcial, á desfeita na que o PP conduciu o Banco de terras como recoñeceu hoxe o propio Director Xeral.

A deputada sentenciou que fronte o “optimismo e autocompracencia” do goberno que segue cualificando a xestión do Banco de Terras de "progresa adecuadamente", a puntuación que lle dan as persoas que teñen expedientes pendentes e proxectos agrogandeiros pendentes é a de "necesita mellorar ostensiblemente".

A nacionalista concluíu a súa intervención esixindo unha aposta clara do Goberno galego para impulsar políticas estratéxicas de mantemento de explotacións e destinadas a desenvolver a actividade económica nas comarcas rurais.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG