Montse Prado recrimina que a conselleira de Sanidade negue os casos de desnutrición infantil detectados en Galiza e pídelle que se preocupe máis polos fogares con nenos e nenas con fame
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Montse Prado iniciou a súa intervención recriminado o afán propagandístico da Conselleira na presentación do Plan Xermola contra a obesidade infantil e botou en falta algunha referencia aos auténticos e gravísimos problemas da sanidade galega.
A nacionalista criticou a negativa da titular de sanidade a comparecer cando foi requirida pola oposición para dar explicacións do caso de nepostismo por colocar ao seu home nun posto de responsabilidade, e asegurou que agora reincide ao mantelo na mesma praza.
Mosquera desvía as preguntas sobre a praza do seu home
Vostede non comparece no Parlamento para explicar as listas de espera, a conflitividade laboral, os colapsos nos servizos de urxencia, o peche de camas, a alarma ante a privatización de servizos sanitarios e sen embargo, comparece hoxe, a petición propia, para dar conta do Plan Xermola contra a obesidade infantil.
O BNG, dixo, non minusvalora a obesidade dos nenos e nenas pero recriminamos as falsas comparecencias inzadas de propaganda e baleiras de contido.
Prado afirmou que resulta unha falta de respecto á Cámara galega presentar un plan contra a obesidade infantil que xa foi presentado por terra, mar e aire e a xuízo do BNG, o Parlamento galego non merece o trato que lle dispensa a conselleira de Sanidade, dubidamos da súa vontade e tamén da do Goberno para actuar contra as verdadeiras causas que provocan a obesidade infantil. O Plan Xermola, engadiu, pretende parecer que fan algo cando en realidade, esquecen que o medre da obesidade é produto da mala calidade dos produtos industriais de empresas con grandes beneficios.
Precariedade e obesidade van da man
Hai que cambiar esa política e a lexislación así como as campañas publicitarias de produtos con grandes suplementos de sucres para actuar sobre as causas da obesidade, inquiriu.
A parlamentaria tamén asegurou que obesidade e precaridade van da man, porque son nenos e nenas de familias con problemas económicos obrigados a consumir produtos baratos e de baixa calidade alimentaria.
Finalmente, Montse Prado cuestionou as medidas previstas por Sanidade para evitar e controlar a obesidade infantil e preguntou como serán aplicadas tendo en conta a redución de 1.200 millóns de euros dende o ano 2009 e 3.000 profesionais menos dende o 2010.