O BNG condena o novo caso de terrorismo machista na cidade da Coruña

Terrorismo de xenéro

Fai un chamamento á sociedade para manifestar o rexeitamento e xulga que a situación de violencia contra as mulleres se sitúa en límites intolerábeis

Terrorismo de xenéro

O BNG envía a súa solidariedade e apoio á familia e amizades da muller asasinada na Coruña e fai un chamamento á sociedade galega para condenar e manifestar publicamente o rexeitamento e tolerancia cero coa violencia machista, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes.

Máis dunha muller é asasinada na Galiza cada mes. Estas son as frías estatísticas que estamos a afrontar neste ano 2014, e que sitúan a violencia contra as mulleres en límites absolutamente intolerábeis. É preciso que poderes públicos e sociedade en xeral manifesten rotundamente a súa condena e que a loita contra a violencia machista sexa considerada asunto prioritario nas axendas políticas, poñendo en marcha medidas para eliminar a discriminación contra as mulleres que, cada vez con maior frecuencia, teñen como dramática consecuencia o asasinato de mulleres a mans das súas parellas e ex parellas.

Para alén das mostras de rexeitamento que poida haber en situacións concretas, os poderes públicos deben combater cos medios adecuados a violencia machista, incrementando os recursos materiais e persoais na loita contra a violencia, activando os protocolos adecuados e realizando campañas contra o silencio e a complicidade, promovendo a coeducación para tentar unha sociedade sen violencia e en igualdade entre homes e mulleres. A tolerancia cero coa violencia e a discriminación contra ás mulleres ten que se practicar día a día, ten que estar presente continuamente, ten que significar unha nova maneira de estar no mundo, porque é absolutamente insoportábel esta continua perda de vida das mulleres provocadas por un terrorismo non recoñecido nin combatido consecuentemente.

Por todo isto, o BNG participará en todas as convocatorias que se organicen para rexeitar a violencia machista. Por outra parte, o BNG continuará a demandar, en todas as instancias de que forma parte, unha aposta decidida por todas as políticas que conduzan a unha transformación social radical que consiga pór en cuestión as relacións de dominio e que combata un patriarcado que nos últimos tempos está a se reforzar día a día.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG