O arcebispo de Madrid recorre ao discurso do medo para asustar os cidadáns que queren exercer o dereito dos pobos a decidiren o seu futuro.
O BNG esixe a condena expresa das palabras do arcebispo por parte do presidente do goberno.
O BNG expresa a súa condena en relación ás palabras pronunciadas polo arcebispo de Madrid, Rouco Varela, na homilía do funeral de estado de Adolfo Suárez. O arcebispo empregou o funeral de estado, acto en si mesmo anacrónico nun estado laico e aconfesional, para verquer as súas opinións reaccionarias que xustifican a Guerra Civil e afirmar que as mesmas causas poden estar dándose na actualidade. Ademais dun rancio despropósito, as súas proclamas significan unha intromisión inaceptábel no debate arredor do exercicio dos dereitos democráticos dos pobos do estado español, relacionando as lexítimas aspiracións dos cidadáns vascos, cataláns e galegos coas causas que provocaron a Guerra Civil: "Los hechos y las actitudes que causaron la Guerra Civil y que la pueden pueden causar".
O BNG considera que as palabras do arcebispo confirman que a xerarquía da igrexa católica española segue instalada na ideoloxía do nacional-catolicismo coa que se identificou maioritariamente durante a guerra civil e a ditadura fascista, difundindo unha visión parcial e falsa sobre as causas do golpe militar e a guerra. As opinións do sr. Rouco confunden as vítimas cos verdugos, poñéndose unha vez máis ao lado do PP, non só para evitar a condena da rebelión militar e o masacre da Guerra Civil, senón para xustificar descaradamente a súa necesidade e vinculala ao discurso do medo contra os que queremos exercer o dereito a decidirmos colectivamente o noso futuro. As declaracións do prelado revelan a coincidencia ideolóxica e de xuízo histórico entre a igrexa e o PP, que segue a negarse a condenar explicitamente aos militares rebeldes que causaron a guerra civil, como demostra o seu posicionamento en parlamentos e congresos e as manifestacións dos seus cargos institucionais cada vez que hai ocasión.
O BNG esíxelle ao goberno español que condene as palabras do arcebispo, pronunciadas nun acto oficial organizado na honra dun ex-presidente do Estado. Así mesmo, esixe que os funerais de estado sexan actos civís, nos que a igrexa católica non teña ningún papel relevante, como corresponde a unha democracia do noso tempo nun estado laico e aconfesional. Con independencia do carácter reaccionario da xerarquía da igrexa española, a identificación de estado e igrexa nas cerimonias con alto contido simbólico non se corresponden co carácter laico das institucións estatais é urxente a adopción de medidas legais para asegurar a separación de relixión e estado.