O BNG, coas 100 medidas da Iniciativa Lexislativa Popular da CIG para crear emprego en Galiza

Francisco Jorquera felicitou á Confederación Intersindical Galega por escoller o modelo de ILP para defender un “modelo económico máis xusto e equitativo” e lamentou que unha vez máis, “o rolo” do Partido popular impedira a súa tramitación en sede parlamentar

Intervención de Jorquera na ILP da CIG

O portavoz do Grupo parlamentario, Francisco Jorquera amosou hoxe o voto favorábel do BNG á Iniciativa Lexislativa Popular defendida polo secretario Xeral da CIG, Suso Seixo con 100 propostas para crear emprego en Galiza.

O parlamentario, que vestía unha camiseta co lema “República galega” iniciou a súa intervención criticando que os Gobernos actúen como “monicreques” do grandes poderes económicos máis preocupados polos beneficios das empresas do IBEX 35 que pola falta de traballo.

O Pobo galego ten dereito a decidir

Jorquera manifestou que é bo impulsar mecanismos de participación directa como as Iniciativas Lexislativas Populares porque, “é bo consultar ao Pobo”, manifestou, e o pobo galego ten dereito a decidir, contra a aprobación de Leis Orgánicas “pola porta de atrás e vía Express” para perpetuar un réxime caduco.

O parlamentario lembrou os innumerábeis debates nos que o BNG defendeu outras políticas contrarias ás que está a aplicar o Partido popular que confirman “non servir para saír da crise.”

Neste sentido, remarcou que a crise económica está a ser utilizada como escusa acentuando as desigualdades e o empobrecemento da maioría da sociedade, o “Estado español xa está a cabeza da Unión Europea en desigualdade” sentenciou.

Jorquera viste unha camiseta co lema "República galega"

En Galiza, abondou, as consecuencias da crise agravanse pola nosas condicións de periferia económica correndo o risco de converternos “nun deserto poboacional e económico”.

100 propostas para saír da crise e crear emprego

Francisco Jorquera loubou as 100 propostas defendidas na Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola CIG e avalada por máis de 30.000 sinaturas, o dobre do requirido para a súa defensa na Cámara galega.

Hai que poñer o país a producir desenvolvendo as nosas capacidades e xerando emprego, asegurou. Hai que apostar e fomentar o consumo dos produtos galegos, defender o potencial forestal, leiteiro, enerxético, extraer beneficio da especialización produtiva.É necesaria unha tarifa eléctrica galega, apostar polo coñecemento, pola presenza pública na economía e de maneira especial en sectores como o financeiro, lácteo, enerxético, naval ou redes de comercialización.

Por outra parte, tamén lembrou a denuncia do BNG sobre o “espolio do aforro”, Galiza resulta unha das poucas comunidades nas que o depósitos dos bancos é superior ao crédito concedido sen embargo, parece “un pecado” que sigamos reclamando “unha banca pública”, argumentou.Noticia 2

É necesario investir en servizos públicos e políticas sociais con verdadeiras políticas de inclusión laboral e social porque, os servizos públicos son “un xacemento de postos de traballo”.

O BNG reclama un Concerto económico para Galiza

Sobre este extremo, o parlamentario denunciou o actual sistema fiscal que “chucha aos de abaixo para engordar aos de arriba” polo que reclamou unha reforma e que os impostos galegos contribúan ao progreso “do noso país”. Os galegos e galegos non podemos permitir que os nosos impostos “tamén emigren”, por iso, afirmou, dende o BNG apoiamos un “concerto económico para Galiza”.

Esta iniciativa demostra que é posíbel saír da crise cun modelo favorábel á clase traballadora e ao conxunto das clases populares, “só é unha cuestión de vontade política”, concluíu.

A Iniciativa Lexislativa Popular foi rexeitada polo Grupo parlamentario do Partido popular que impediu a súa tramitación no Parlamento galego.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG