O BNG apoia as mobilizacións da Sanidade pública contra o peche de camas no verán

A deputada do BNG, Monte Prado defende unha Proposición non de lei no Parlamento de Galiza pola que insta ao Goberno a “non pechar unidades de hospitalización e realizar as contratacións de persoal necesario co fin de impedir o peche de camas nos centros hospitalarios do SERGAS”

O Bloque Nacionalista galego amosa o seu apoio as concentracións-manifestacións que terán lugar os vindeiros días, 14, 21 e 28 de maio convocados polas organizacións sindicais, CIG,CCOO,UGT,CESM, OMEGA e SAE, contra a actual precarización da Sanidade pública Galega e o peche de camas hospitalarias durante o verán.

A deputada do BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento galego contra a intención do Servizo Galego de Saúde, “un ano máis” de proceder ao peche de camas nos centros hospitalarios durante os catro meses de verán e todo apunta, asegura na iniciativa, que “ máis de 1.000 camas non estarán operativas” durante 120 días.

A parlamentaria reclama, a través dunha Proposición non de lei, “non pechar as unidades hospitalarias” e realizar as contratacións de persoal necesario.

Para a nacionalista, resulta “indecente” que existindo miles de galegos e galegas nas listas de espera, chegado o período estival se proceda a peche de camas hospitalarias.

Ademais da “sistemática privatización de servizos sanitarios” e derivación de doentes á sanidade privada, a deputada asegura que o peche de camas no verán suporá “o aumento das listas de espera, colapsos nos servizos de urxencias e a redución de ingresos hospitalarios”.

Montse Prado reitera o apoio do BNG ás mobilizacións previstas para os días 14, 21 e 28 de maio e agarda que a Consellería de Sanidade rectifique e non leve adiante esta medida así como a política de recortes continuos na Sanidade Pública Galega.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG