Tereixa Paz reclamou accións concretas ante o Ministerio de Xustiza e o Goberno do Estado para acelerar os indultos das traballador@s galeg@s: Tamara, Ana, Carlos e Serafín condenados por participar en mobilizacións para reivindicar dereitos laborais
Na formulación da pregunta parlamentaria ao Goberno, a nacionalista lembrou que onte mesmo, o Parlamento formalizou unha declaración institucional por unanimidadeco fin de solicitar o indulto das traballadoras, Ana González e Tamara Vidal condenadas a tres anos de cárcere por participar nunha folga no ano 2010.
Na súa intervención, Paz reclamou do Goberno galego accións para que o Goberno do Estado acorde, con carácter inmediato a concesión da medida de graza para as dúas traballadoras.
Asemade, lembrou que noutro pleno celebrado no Parlamento galego o 26 de febreiro, tamén foi aprobada unha declaración institucional, por iniciativa do BNG, para solicitar o indulto para outros dous traballadores condenados a tres anos de cárcere por participaren nas mobilizacións en demanda dun convenio colectivo para o transporte da provincia de Pontevedra, Serafín Rodríguez e Carlos Rivas. Pasados catro meses, comprobamos que non se ten producido ningún avance polo que reclamamos un compromiso da Xunta para que se efectivice a solicitude de ambas peticións de indulto ante o Ministerio de Xustiza e o Goberno do Estado.
A parlamentaria cuestionou que a mesma Fiscalía que recorre o auto que imputa a irma do Rei, presentara un recurso ante a xuíza do penal que suspendeu temporalmente a entrada en prisión d@s traballador@s condenados. Na Fiscalía, dixo, hai mando único con Torres Dulce e Ruíz Gallardón en Madrid.
A Xunta apoia a Declaración institucional pero non se compromete a iniciar accións para acelerar os indultos
Pola súa parte, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda afirmou que o Goberno galego intentará apoiar o acordo parlamentario que será trasladado ao órgano competente.
A deputada lamentou a falta de compromiso da Xunta e considerou que esta postura do PP representa un lavado de cara do Goberno do Estado.
Dende o BNG, dixo, consideramos que é unha escolla política do Consello de Ministros conceder o indulto das traballadoras e sindicalistas que defenderon os seus dereitos laborais e sobre as que recaeu toda a dureza do Código Penal ou polo contrario, continuar indultando a banqueiros e imputados do Partido popular por meter a man na caixa.