Aymerich: "O PP crea problemas que non existen para agochar a polémica sobre o seu financiamento"

O viceportavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, acusou hoxe ao Partido Popular de querer magnificar un problema que non existe en Galiza, como o do terrorismo, para agachar deste xeito a polémica sobre a súa “contabilidade b”.

Aymerich, en rolda de prensa logo da Xunta de Portavoces, criticou o debate aberto polo grupo do PP para sacar adiante unha declaración institucional sobre terrorismo en Galiza, cando afortunadamente non existe este problema no País nin está entre as principais preocupacións dos cidadáns.

“Chama a atención –engadiu- que xusto agora que se fala de sobres voadores e cando Rajoy fala de que non lle vai tremer a man, imaxino que para coller un deses sobres –ironizou-, o PP considere necesario facer unha declaración sobre o terrorismo en Galiza”.

Para o viceportavoz do BNG, nun momento no que até en Euskadi se está a superar ese problema, non é de recibo que o PP tente magnificalo no País, “sempre dende a convicción democrática, conste, de que as ideas se defenden con palabras e con acción política, dende o rexeitamento firme da violencia” .

Aymerich insistiu en preguntarse que intereses ten o PP nesta proposta, concluindo que só pode ser o de querer montar unha cortina de fume para tapar as súas vergoñas. “Por que non quere falar, sen embargo, de asuntos que si están entre as principais preocupacións da xente, como os suicidios por desafiuzamentos?”.

Orzamentos

Sobre a orde do día do próximo pleno de debate da totalidade dos orzamentos, lembrou que o BNG, a través das súas emendas cruzadas, demostra que outra política é posíbel, pois acada un montante de 630 millóns de euros a maiores do orzamento, non só debido ao trasvase de partidas senón tamén a través de novos tributos como o que se impoñería ás grandes superficies.

Neste sentido, Aymerich lembrou que esta medida está de plena actualidade un día coma hoxe no que que a patronal das grandes áreas ten prantexado un novo convenio colectivo polo que se reduce as retribucións, estas se ligan ao consumo e se incrementa a xornada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG