Mentres a parlamentaria asegurou que as filtracións de auga e voaduras de explosivos danan de maneira irreparábel o importante valor arqueolóxico e pinturas rupestres albergados na Cova, o Partido popular acusa ao BNG de "proteccionismo excesivo" co patrimonio cultural galego
A deputada defendeu, a través dunha Proposición non de lei, paralizar a actividade mineira na contorna da Cova de Eirós para evitar graves danos na importante mostra rupestre, máis antiga de Galiza e un dos xacementos paleontolóxicos cos restos do oso cavernario más relevantes da Península Ibérica.
A nacionalista apuntou as causas dos danos reflectidas nun exhaustivo informe elaborado pola Asociación Ecoloxista ADEGA entre as que destacou: Escavacións e retirada de material sobre a cova, usos de explosivos na explotación mineira e deterioro da imaxe pública e a súa contorna.
Pola súa parte, o portavoz do PP, Agustín Baamonde, acusou ao BNG dun proteccionismo excesivo que pode repercutir negativamente na vida das persoas asentadas no territorio no que está ubicado ese patrimonio.
O PP coincide na diagnose do BNG pero vota en contra de protexer a Cova de Eirós
O exposto polo BNG, dixo, Baamonde é correcto pero incompleto. Hai dúas posturas diferentes, explicou, por unha banda a defensa a ultranza do patrimonio e a súa protección e por outra, a defensa dos intereses das persoas que habitan o territorio. O BNG, dixo, opta pola paralización da actividade mineira e nós defendemos que é perfectamente compatible a protección da Cova de Eiros cunha actividade porque os informes emitidos teñen presunción de veracidade mentres ninguén os anule ou impugne.
Na réplica, a parlamentaria do BNG acusou ao PP de falta de sensibilidade e negou que o problema sexa de proteccionismo excesivo como afirmou o portavoz popular. Aquí, dixo, estamos ante a indefensión dun patrimonio colectivo dun país e da Humanidade e non temos dereito a mirar para outro lado porque está en risco algo con gran relevancia económica, social e cultural.
O PP acusa ao BNG de excesivo proteccionismo co patrimonio cultural
Vostedes, dixo, poñen a venda ante os ollos e saben que se o concello da marcha atrás é porque existían problemas coa licenza e que as denuncias eran veraces. Se a lei ditamina que as pinturas rupestres deben ser protexidas, vostedes non poden dicir que todo é unha cuestión de proteccionismo absoluto.
Neste sentido, recalcou que se está a producir unha vulneración da legalidade e a Xunta vulnera a Lei de Patrimonio para impoñer a barbarie da destrución do noso patrimonio.
A deputada mostrou a súa vontade de chegar a un acordo na Comisión de Cultura co Grupo do Partido popular, despois de anunciar o resto dos grupos o apoio á proposta nacionalista.
Finalmente, o Partido popular impediu que a Proposición non de lei, defendida por Ana Pontón, prosperara.