A deputada reclamou ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo falar co sector e comprometerse a executar os fondos orzamentados para este ano e o 2015
A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta ao director xeral da CRTVG sobre a execución dos orzamentos dos anos 2011-12-13 e 2014 para a dobraxe en lingua galega de produtos televisivos.
Pontón explicou que este sector, articulado en Galiza para a emisión de programación en lingua galega, amparado pola lei de Normalización lingüística co fin de facilitar a produción, dobraxe, subtitulación de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega, padece unha grave crise ante a falta de execución dos fondos destinados a CRTVG.
A deputada asegurou que existe unha grande calidade lingüística neste ámbito, mesmo recoñecida pola Real Academia Galega sobre o labor dos equipos de dobradores e dobradoras galegos pero neste momento, dixo, o sector está nun momento crítico do que é coñecedor o propio director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.
A parlamentaria denunciou que a maior parte dos traballadores están en paro e de non consolidarse a dobraxe en galego corre un grave risco no futuro polo que preguntou pola execución dos orzamentos destinados á dobraxe nos anos 2011-2012-2013 e 2014 ante a opacidade de datos, e pola porcentaxe de produtos emitidos de nova dobraxe.
Pola súa parte, o director xeral da CRTVG comprometeuse coa deputada do BNG a remitirlle os datos dos últimos anos sobre o financiamento do sector e afirmou que a adquisición de novos produtos audiovisuais resulta moi complicado porque é un mercado cautivo. En Europa, afirmou, a tendencia é reducir a dobraxe a linguas maioritarias ou utilizando outras alternativas como a narración literal por unha voz. A dobraxe,engadiu, está a mudar vertixinosamente o mercado e o comportamento das audiencias que prefiren producións propias, circunstancia que compromete o futuro da dobraxe.
A parlamentaria replicou que existe unha responsabilidade directa da CRTVG co sector e dende o BNG, dixo, consideramos que 400 postos de traballo merecen un compromiso pola súa parte e unha explicación da non execución dos fondos para dobraxe nos últimos anos. Pontón tamén preguntou se serán executados os orzamentos consignados para este ano e para o 2015.
A nacionalista afirmou que de ser executados, o sector da dobraxe sería viable e permitiría a súa profesionalización, o grave, dixo, é que se destrúe o traballo de 30 anos polo que pediu a Sánchez Izquierdo reunirse co sector e comprometerse a executar as partidas deste ano e do ano que ven.