A Secretaria de Política Internacional do BNG, e candidata ás Eleccións Europeas, Ana Miranda, presentou varias iniciativas parlamentares en Bruxelas, através do eurodeputaddo da Coalición Europea dos Pobos, Iñaki Irazabalbeitia, relativas á decisión de Suiza de establecer cupos á entrada de cidadáns comunitarios.
En concreto, a candidata do BNG ás Europeas presentou unha pregunta parlamentar instando á Comisión Europea a reconducir a situación, e tamén dirixe unha carta á Comisaria de Política Exterior da UE para pedirlle a realización de xestións ante Suiza por vulnerar os dereitos á liberdade de circulación de cidadáns europeos.
Ana Miranda alude á celebración do referendo o pasado 9 de febreiro en Suiza co resultado de aprobar a imposición de cotas na circulación de cidadáns comunitarios, un referendo auspiciado por un partido político de extrema dereita, e cuxo resultado pón en cuestión a liberdade de circulación entre cidadáns europeos en Suiza, e supón a vulneración dunhas liberdades estabelecidas.
Miranda non entra a avaliar a decisión libre dun país soberano, pero cando afecta á acordos bilaterais contemplados entre a UE e Suiza, estamos a falar da vulneración manifesta dos compromisos subscritos entre ambas partes.
Grande malestar e preocupación na comunidade galega
A candidata do BNG ás europeas salienta o enorme malestar que esta decisión provocou entre os traballadores comunitarios, moitos deles galegos e galegas, que se ven obrigados a coller a mala ante a falta de perspectivas laborais en estados como o español que ten unha das taxas de paro máis altas da UE. Miranda lembra que na Galiza estamos a viver o éxodo masivo que padecemos décadas atrás e vendo como miles de mozos e mozas, persoas desesperadas pola falla de emprego voltan ao recurso da emigración.
Ana Miranda pón de manifestó que o ano pasado a Confederación Helvética subscribiu un acordo bilateral entre a Comunidade Europea e os seus estados membros por unha parte, e a Confederación Suiza por outro, sobre a libre circulación de persoas, segundo a cal os cidadáns europeos e suizos disfrutan mutuamente dos dereitos de entrada e residencia, acceso a unha actividade económica, estabelecemento como traballador independente e residencia.