A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe unha Proposición non de lei para pedir a paralización da campaña publicitaria da consellería de industria ,por un importe de 1.157.024 euros, e destinar a contía a medidas contra a violencia de xénero e investigación
A nacionalista cualificou de despilfarro nun contexto de crise económica, que a consellería de Industria invista 1.157.024 euros sen IVE nunha campaña publicitaria baixo o titulo: A economía de Galicia como principal impulsora do desenvolvemento e emprego.
Na defensa da Proposición non de lei, Adán propuxo destinar o importe da campaña a medidas contra a violencia de xénero e o apoio a I+D+i. A deputada lembrou que hai uns meses foi debatida outra iniciativa tamén referida á campaña publicitaria Galicia emprende á que sumou outras sufragadas con recursos públicos e dedicadas a: Galicia, innovadora e competitiva, Galiza calidade como concepto global non concreto, ironizou, Galicia competitiva, emprendemento, emprego e internacionalización como eixos clave para o crecemento do emprego en Galiza.
Campañas publicitarias para presumir e dar protagonismo aos titulares das consellerías
Para a deputada as diferentes campañas publicitarias teñen como obxecto insuflar cartos aos medios de comunicación e cuestionou que a inversión mellore as condicións precarias d@s xornalistas, máis ben dixo, só beneficia aos directivos.
A parlamentaria amosou grande respecto polo traballo dos publicistas pero asegurou que algunhas das campañas de Industria resultan chocantes coma a dun home cunha leituga na cabeza para impulsar o emprendemento ou o lema Mariña vai facer moi felices aos seus país aínda que ela non o sabe.
Xa nun ton máis sobrio, Adán considerou que estas campañas merecen unha reflexión e sobre todo contextualizalas nun momento crítico de desemprego en Galiza, crise económica e outros factores que fan poñer en tea de xuízo o gasto de recursos públicos en publicidade.
A perda de emprego no sector industrial é dramático afirmou e os desempregados/as non precisan de campañas para publicitar que Galiza é unha terra de emprendemento, precisan postos de traballo, sentenciou.
Neste sentido, propuxo gastar a contía da campaña en medidas para a creación de emprego, I+D+ i ou impulsar a investigación, nos lles imos dicir en que deben investir, afirmou, pero propoñemos que non sexa en publicidade.
Non me resisto, concluíu a suxerir que o importe da campaña de Industria sexa investido en medidas contra a violencia de xénero, ante o panorama que temos diante diariamente.
O PP deixa ao albur das eléctricas o importe dos contadores intelixentes
Por outra parte, na mesma comisión de Industria, a deputada defendeu unha iniciativa para solicitar do INEGA unha auditoría dos custes reais de adquisición e instalación dos equipos de medición eléctrica, chamados contadores intelixentes, trasladando os resultados ao Ministerio de Industria e impedir que as compañías distribuidoras decreten de maneira unilateral os prezos.
Adán avogou por protexer as persoas consumidoras vulnerábeis, consumidor@s domésticas e PEMES.
O partido popular votou en contra das dúas iniciativas defendidas hoxe no Parlamento galego pola deputada nacionalista.