Adán acusa ao Goberno de “estar ao lado de Fenosa” na liña de Alta tensión de Catasós

A deputada pediu ao conselleiro de Industria que impida o impacto que producirá a instalación da liña e apoie as reivindicacións dos veciños e veciñas na defensa do patrimonio natural das Fragas de Catasós3

A parlamentaria do BNG, Carme Adán volveu preguntar hoxe o Goberno galego polo impacto da liña de alta tensión entre o Irixo e Lalín no conxunto forestal próximo o Monumento Natural das Fragas de Catasós e Rego de Quintela.

A deputada, tras saudar a Plataforma “Salvemos as Fragas de Catasós” presente no debate desde a tribuna pública, lembrou que o argumento esgrimido por Fenosa é “que non se producirá afectación de servidume”, afirmación contraria o contido na Lei de protección de Incendios.

Adán asegurou que a plataforma, xunto a veciños e veciñas de Lalín defenden o patrimonio natural da comarca do Deza e en concreto, as Fragas de Catasós e Casas Vellas. Vostede debe saber, dixo, que a dirección xeral de Enerxía e Minas autorizou a licenza para a liña de alta tensión, a pesar de que “estraga o patrimonio natural da comarca do Deza.”

Despois da presión cidadá, engadiu Adán, Fenosa comezou a dar solucións como elevar as torretas ou concentrar o paso dos cables para minimizar a tala de árbores pero isto, remarcou “non chega” e o que debe facer é “soterrar a liña de alta tensión”.

O soterramento, apuntou representa unha solución pero supón un custe económico que Fenosa non está disposta a facer, “a pesar dos 1.239 millóns de euros de beneficios acadados pola empresa, ate setembro do 2014”.

Cál é a postura do Goberno galego, estar ao lado de Fenosa ou da protección natural de Catasós? preguntou Adán.

O conselleiro de Industria, igual que Fenosa,  desbota soterrar a liña eléctrica

Pola súa parte o conselleiro de Industria, Francisco Conde afirmou que o Goberno está “ao lado da legalidade” aprobando o proxecto e a favor de elevar o tendido a 35 metros de altura para que as obras só afecten a seis carballos da Fraga de Casas Vellas e non a 463 árbores autóctonas como inicialmente. A Xunta non está habilitada para determinar os trazados das liñas eléctricas pero ningún proxecto ten “afectación cero”, afirmou.

Tras a intervención do conselleiro, a deputada reiterou que a lei obriga a “afección de servidume” e Fenosa incorre en “chantaxe” anunciando que a liña permitirá un “importante aforro para as empresas” cando en realidade, explicou Adán, en todo o Estado español 423 empresas poden acollerse a esta redución de factura. En Galiza só oito empresas son beneficiarias desta redución , entre elas, “Megasa, Navantia-Fene en Ferrol, Reganosa ou Citroën en Vigo”. Dígame vostede que empresas de Lalín van acollerse a este desconto.

O Goberno, concluíu a nacionalista, demostra “estar, unha vez máis, ao lado de Fenosa”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG