Acto de despedida e recoñecemento a Francisco Carballo, clave no proceso nacional de Galiza

Francisco Carballo

Francisco Carballo

O BNG quere lembrar a figura de Francisco Carballo como persoa fondamente comprometida co proxecto nacional galego, desde a súa volta a Galiza en 1973. O seu labor como historiador permitiu que moitos galegos e galegas puideran encontrarse cunha historia non deturpada do seu país.

A súa valentía e rigor intelectual custoulle unha condena por supostos delitos de calumnia á policía en 1981, polo relato que fixo do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia a mans da policía franquista. Posteriormente Reboiras sería recoñecido como vítima da ditadura.

Neste sentido, unha representación da Executiva do BNG acudirá ao acto de soterramento de Francisco Carballo, que se celebrará o próximo sábado, 13 de decembro, ás 11:30, na parroquia de Asadur do concello de Maceda. Francisco Carballo finou o 29 de novembro de 2014, en Salamanca.

Francisco Carballo tamén amosou o seu compromiso co país participando nos esforzos por dotalo de medios de comunicación propios. Participou na nova etapa do xornal A Nosa Terra, en 1977, do que foi presidente do seu consello de administración. Así mesmo, formou parte do grupo promotor do semanario Sermos Galiza.

Finalmente, lembrar a participación de Francisco Carballo nas listas do BNPG e do BNG, en diversas convocatorias electorais, mostra do seu compromiso total coa nación na que cría. O BNG anima a todas as persoas que comparten con Francisco Carballo esta angueira a que acudan ao acto de soterramento e despedida.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG